O goberno local de Narón garante a continuidade do servizo de madrugadores a partir do vindeiro mes de xaneiro. Así o avanzou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que recordou que dende o Consistorio se continúa avanzando nos trámites que permitan adxudicar a xestión do servizo nos centros de ensino da cidade nos que se ofrece á maior brevidade.
A edil naronesa explicou que esta mesma semana se procedeu a abrir as ofertas técnicas, ás que se presentaron dúas empresas. Algunhas Anpas da cidade xa trasladaron ao Concello a súa intención de continuar asumindo a xestión do servizo ata que rematen os trámites en marcha.
Naqueles centros onde as Anpas decidan non seguir con ese labor -tal e como se lles solicitou dende o Consistorio ata que o poida asumir o Concello os nenos que o requiran continuarán tamén dispoñendo do servizo de madrugadores.
A concelleira naronesa recalcou que o goberno local reservou no borrador dos orzamentos a partida para formalizar o convenio do servizo de madrugadores coas Anpas, garantindo deste xeito a colaboración económica do Concello co servizo do mesmo xeito que ata agora. Naqueles centros nos que as Anpas deixarán de xestionalo as familias non poderán beneficiarse das bonificacións derivadas dese convenio, asinado anualmente para a prestación do servizo, como se viña facendo, polo que as familias dos usuarios deberán aboar o total do custe do servizo a partir do vindeiro ano.
Ameneiro avanzou que o vindeiro luns, día 23, haberá unha nova reunión coas Anpas, e agradeceu de antemán a vontade de colaboración daquelas que xa manifestaron que seguirán asumindo temporalmente a xestión “por entender que o procedemento se demorou no tempo máis do que tanto as familias como o goberno local quixéramos, ao tratarse dun contrato que se vai adxudicar por primeira vez dende o Concello, coa tramitación que isto implica a nivel administrativo”.
Así mesmo, a edil recordou que “dende o Concello continuaremos reclamando á Xunta de Galicia que asuma a xestión do servizo de madrugadores porque entendemos que nin os concellos nin os pais e nais teñen que asumilo tal e como están facendo”