O Concello de Cedeira abre este venres 20 o Polideportivo Municipal convertido nun espazo de ocio familiar, con atraccións, obradoiros e xogos de acceso libre e gratuíto cada tarde ata o vindeiro 4 de xaneiro -agás os festivos do 24 e 25, o 31 e o 1-.
Nesta primeira fin de semana de vacacións escolares funcionará o deslizador Tubby Stream, un inchable de grandes dimensións con dous esvaradoiros polos que poden tirarse maiores e pequenos. O horario da instalación será de 16.30 a 20.30h.
No espazo de ocio destaca a oferta dirixida á mocidade. É o caso do Laser Tag que funcionará o luns 23, un xogo ao que hai que apuntarse por equipos, aos que se lles facilitan armas láser echalecos con sensores.
A tarde do luns será tamén a da Cabalgata de Papá Noel. O seu trineo comezará o seu percorrido ás 18.00h desde o Centro de Saúde, desde onde encabezará unha cabalgata co famoso Rudolf, varios elfos, o Grinch e outros personaxes navideños. A comitiva, un ano máis organizada por Protección Civil, realizará un percorrido polas principais rúas do casco urbano de Cedeira, con animación musical e lanzando caramelos aos nenos e nenas que atopen ao seu paso.
O paseo rematará no Auditorio Municipal, onde Papá Noel recibirá ás crianzas que queiran entregarlle persoalmente as súas cartas. En caso de choiva, a comitiva irá directamente ao Auditorio para pasar alí a tarde coa cativada.
Os días 26 e 27 chegará outra proposta moi enfocada á adolescencia no parque de xogos do Polideportivo Municipal: as batallas con Battle Nerf, outro tipo de pistolas de xoguete. Ademáis, haberá un toro mecánico o primeiro día e un simulador de táboa de surf o segundo.
Sucederanse tamén nos vindeiros días varias citas musicais. A Coral Virxe do Mar organiza un festival mañá sábado 21, ás 19.00h no Auditorio Municipal, que contará coas actuacións da coral ferrolá Alecrín de Brión, a Coral Villalbesa e a formación local. Ao día seguinte, o domingo 22, chegará ao mesmo escenario o Festival de Panxoliñas e Polifonía “Vila de Cedeira”, organizado pola sociedade artística Eixil. Xunto con ela, actuarán tamén a Coral de Cecebre, o Coro Diapasón e o corunés Canta Compaña. Será ás 19.30h.
Á volta da festa de Nadal, o xoves 26, o Auditorio acollerá unha actuación de Magic Mateo ás 19.00h.