Alumnado do IES As Telleiras, Narón, presenta a campaña Coida a túa lingua

Alumnado do IES As Telleiras achegouse ao centro de saúde de Narón, localizado no Alto, para presentar ao persoal de Pediatría a campaña Coida a túa lingua, unha proposta para que os nenos aprendan dun xeito divertido o nome dalgunhas especialidades médicas e doenzas en galego.

O obxectivo desta iniciativa é, tal e como indicou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, “achegarlles novos recursos infantís en galego ós nenos, neste caso centrados no léxico sanitario, e promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, chave no o futuro do idioma, así como incrementar a presenza do galego no ámbito sanitario”.

Rapaces de 1º da ESO idearon e deseñaron, co apoio da profesora María Yáñez Gradaílle, un xogo de cartas con léxico galego sobre especialidades médicas e enfermidades, e co que tamén os nenos aprenderán o nome de instrumental médico, medicinas, órganos, síntomas… e entregaron exemplares deste xogo ao persoal de Pediatría para que os repartan entre as familias que asisten a este servizo.

Esta proposta xorde no marco de Xera, un proxecto de dinamización lingüística impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, que busca aproveitar as ideas, a creatividade e o potencial que ofrece a mocidade de Narón para incrementar a presenza do galego no municipio.

É o alumnado de ESO, dos centros educativos de Narón, o que presenta as súas propias propostas normalizadoras, que poden ir dirixidas a calquera ámbito ou sector. Pero ademais das ideas está a participación, a implicación e o traballo. O Servizo de Normalización Lingüística municipal elixe unha entre todas as ideas achegadas e é o alumnado que a presenta o encargado de desenvolvela coa axuda do profesorado.

Na web do Servizo de Normalización Lingüística –www.naronengalego.gal– pódese consultar toda a información sobre Coida a túa lingua e imprimir o xogo de cartas.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …