Amplíase o Bono Activa Comercio con outros 2,5M€

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, invitou a sumarse á campaña do Bono Activa Comercio que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de ampliar cun orzamento de 2,5 M€. Aneiros informou dos pormenores da iniciativa durante unha visita ao establecemento téxtil Duende, un dos arredor de 30 negocios de Pontedeume adheridos ata o momento á iniciativa.

Visita al establecimiento Duende, en Pontedeume, adherido a esta campaña.

A representante do Goberno galego explicou que tralo éxito acadado na última campaña do Bono Comercio que esgotou o crédito en pouco máis de dous días, a Xunta vén de reactivar esta edición, a sexta desde que se puxo en marcha esta proposta en 2021, coa que pretende incentivar o consumo no comercio retallista. Con esta ampliación, o Goberno galego leva investidos 19 M€ en todas as edicións do Bono Activa Comercio e prevé chegar a mobilizar preto de 100 M€ en vendas.

Aneiros puntualizou que as persoas consumidoras que descargasen o bono e non o consumisen enteiro poden facelo e as que aínda non o teñan, dispoñen dunha nova oportunidade para obtelo na web www.bonosactivacomercio.gal . Con este bono poden beneficiarse dos descontos de ata 30 euros nas compras que realicen nos comercios adheridos. No caso daqueles usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e o eliminaron sen chegar a gastalo, poderán volver a descargalo desde xa para usalo.

A delegada territorial animou a consumir os 30 euros de desconto canto antes xa que, ao igual que nas pasadas edicións, “cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M€ de orzamento cos que se dota esta ampliación, os bonos que se teñan descargado xa non se poderán empregar”, lembrou.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Martina Aneiros animou tamén aos establecementos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que aínda non se teñan incorporado á iniciativa a sumarse a ela para o que teñen de prazo ata o próximo 15 de decembro, salvo esgotamento previo do saldo. Ata o momento hai case 400 negocios da zona adheridos.

Destacou ademais que con esta ampliación da convocatoria o Goberno galego amosa o seu compromiso coa promoción do comercio de proximidade e destacou a súa contribución á xeración de oportunidades no territorio e a fixación de poboación.  “Ao longo destas edicións está demostrado que o Bono Activa Comercio axuda a fidelizar clientela o que redunda no mantemento deste tipo de establecemento e máis de cara ás próximas datas de Nadal”, indicou e avanzou que para o próximo 2025 o Goberno galego seguirá apostando por esta fórmula para a que consignou un orzamento de 5 M€.

Lea también

Abierto el plazo en Neda para pedir cita previa para pasar la ITV agrícolas

El Ayuntamiento de Neda informa que la unidad móvil de inspección técnica de vehículos agrícolas …