O polideportivo de Cedeira convértese nun parque de atraccións polo Nadal

O Concello de Cedeira instalará un ano máis un parque de xogos e atraccións no Polideportivo Municipal, convertíndolo nun espazo de ocio e lecer, de entrada gratuíta e a cuberto, para toda a veciñanza e as persoas que visiten a localidade. Esta proposta funcionará todas as tardes entre o día 21 de decembro e o 4 de xaneiro -agás os festivos do 24 e o 25, o 31 e o 1-, de 16.30 a 20.30h, e contará con inchables e obradoiros cada tarde, así como con outras propostas que irán variando día a día.

O espazo de lecer no Polideportivo municipal abrirá na tarde do día 21, o primeiro sábado das vacacións escolares de Nadal. Nas tardes do 21 e 22, xunto cos obradoiros e atraccións que estarán no parque durante todas as festas, instalarase un deslizador Tubby Stream, un inchable xigante con dous esvaradoiros para pequenos e maiores.

Ao día seguinte, o luns 23, chegará ao Polideportivo o xogo de Laser Tag, un xogo por equipos no que se empregan armas láser e chalecos con sensores. Será a tarde da Cabalgata de Papá Noel, que un ano máis coordinará Protección Civil de Cedeira.

Os días 26 e 27 chegará outra proposta moi enfocada á adolescencia, as batallas con Battle Nerf, outro tipo de pistolas de xoguete. Ademáis, haberá un toro mecánico o primeiro día e un simulador de táboa de surf o segundo. O cartel do día 28 anuncia unha feira de xogos no Polideportivo, e para o día seguinte, o 29, o Concello convoca unha festa acuática na piscina municipal. O luns 30 chegará a quenda da realidade virtual, un espazo no que a mocidade poderá vivir divertidas e emocionantes experiencias inmersivas.

Unha gran carpa e o escenario que se vai instalar na praza Roxa serán o punto neurálxico de Cedeira nas primeiras horas do 1 de xaneiro. Alí comezará, pouco despois das doce badaladas, unha verbena que estará amenizada pola orquestra Finisterre e na que se espera unha alta afluencia como en anos anteriores.

O espazo de ocio do Polideportivo volverá abrir as portas o 2 de xaneiro co xogo Interactive Super Grip, que permanecerá tamén nas seguintes tardes, ata o día 4. Ademais, unha barredora Wipeout funcionará os días 2 e 3 e un circuíto con coches de radiocontrol estará instalado o 4.

De novo organiza o Concello de Cedeira unha verbena da noite de Reis, que neste caso vaise adiantar á noite entre o sábado 4 e o 5 de xaneiro. Será na carpa da Praza Roxa e estará amenizada pola orquestra Fania.

Para rematar, na tarde do 5 de xaneiro desenvolverase a cabalgata de Reis, que como é tradición farán parada no Auditorio Municipal para recoller as cartas dos nenos e nenas. Farán logo o seu percorrido pola vila e acudirán para rematar ao CEIP Nicolás do Río, onde haberá unha merendola, con chocolate e o típico roscón de Reis, e xogos para a cativada.

Lea también

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca el concurso de diseño del cartel de 2026

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia la apertura del concurso de carteles …