A pista polideportiva de Doso, Narón, acolle a tradicional “recreación da esfolla”

A parroquia de Doso, Narón, acolle este sábado 16 a tradicional recreación da esfolla, unha cita que terá lugar a partir das 17.00 horas na pista polideportiva.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada por Carmen López, Ofelia López, Tarsilia Rodríguez, Margarita Aneiros e Pepucha Calvo, veciñas da parroquia que se encargarán de cociñar o chocolate que se servirá, de balde, durante a tarde ás persoas que desexen degustalo.

A programación prevista dará comezo ás 17.00 horas na pista polideportiva de Doso, onde baixo unha carpa instalada para a ocasión na pista polideportiva desenvolverase un obradoiro de bonecos de follas de maínzo e haberá unha exposición dos realizados nos centros de ensino da cidade, organizados dende o Padroado da Cultura.

En total, preto de 450 escolares de quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios Ayala, Santiago Apóstol, A Solaina, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar e O Feal participaron nestes obradoiros. Para ambientar a xornada actuarán os grupos de música e danza tradicional do Padroado da Cultura.

A continuación, sobre as 18:30 horas, iniciarase a esfolla do maínzo, na que poden participar todas as persoas que o desexen. E haberá tamén un concurso de sobremesas, ao que poderán presentar as súas elaboracións as persoas que o desexen. Estas serán valoradas por un xurado sobre as 19.00 horas e a continuación repartiranse para degustar entre o público asistente ao acto.

A quinta edición do “campionato mundial de debagado de maínzo” é outro dos atractivos do programa deste evento cultural, dende as 20.00 horas aproximadamente os participantes competirán para debagar nun tempo determinado a maior cantidade posible.

O apartado musical contará tamén coa actuación da charanga Alxibeira, e pechará a programación a agrupación Pan.Sen.Fron. Dende a entidade veciñal e o Concello animaron á cidadanía a acudir á recreación da esfolla en Doso, naqueles casos que o consideren, vestidos con roupas propias do século XX para ambientar esta celebración.

A alcaldesa destacou o labor que realiza ao longo do ano a asociación de Veciños “A Naveira”, de Doso e, en particular, por manter viva esta celebración xunto co Padroado da Cultura e veciños da parroquia.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …