A hospitalaria capa de san Martiño-(José Fonte Sardiña)

José Fonte Sardiña
Lembraba, no século XII, o “Códice Calixtino” ―do que temos unha magnífica edición en galego desde o ano 2009―, no capítulo XI do Libro V, que “os peregrinos, tanto ricos como pobres, que volven do sepulcro de Santiago ou se dirixen a el deben ser recibidos e respectados caritativamente por todos, pois quen os recibe ou lles procuramatentamente hospedaxe terá como hóspede non só a Santiago, senón tamén ao mesmo Señor, conforme di El mesmo no Evanxeo: ‘Quen vos recibe a vós tamén me recibe a min’ ―Mateo 10, 40― […]. Por iso cómpre saber que os santos peregrinos de Santiago […] deben ser acollidos en xustiza e dilixentemente coidados” (Xosé López Díaz ―trad.―: “Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Vigo, 2009, p. 515).

Talvez un dos santos que mellor representa a acollida aos necesitados e tamén aos peregrinos xacobeos sexa san Martiño de Tours. Así se pode ver na magnífica exposición “Hospitalitas. A graza do encontro”, que a Fundación Las Edades del Hombre, o Arcebispado de Santiago e a Xunta de Galicia, desde xuño e ata finais de novembro, presentan en Compostela, na cripta do Pórtico da Gloria e no mosteiro de San Martiño Pinario, e tamén no seu respectivo catálogo ―ten máis de 600 páxinas e nel participan os mellores especialistas na arte e a hospitalidade xacobeas―, de cuxa edición en galego tiven a honra de ser un dos seus tradutores. O proxecto completouse ―os días 7 e 8 de novembro― cun ciclo de conferencias impartidas no coro da igrexa de San Martiño Pinario e coordinadas polo prestixioso Grupo de Investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela.

Este luns, 11 de novembro, é a festa de san Martiño de Tours, patrón das parroquias de Andrade e de Porto, nas miñas amadas Terras do Eume onde nacín; de Teo, o concello no que vivo a carón de Santiago desde hai xa máis de trinta anos; e do mosteiro compostelán de Pinario, no que tanto tempo traballei no equipo de Publicacións do
Xacobeo con magníficos compañeiros e amigos, baixo a dirección de dous grandes mestres dos Camiños de Santiago ―primeiro o profesor García Iglesias e logo Francisco Singul― cos que vivín anos de moito traballo e así e todo enormemente satisfactorios (Foto de Diego Delso do mosteiro de San Martiño Pinario).

Eles espertaron en min o interese por investigar o fenómeno xacobeo, especialmente o Camiño Inglés, que parte do porto ferrolán de Curuxeiras ―tamén inicia o seu percorrido alternativo desde a igrexa de Santiago da Coruña― e pasa por Pontedeume, a miña vila, en cuxa ponte, “en 1381 […], entre os arcos 20 e 21, había unha capela dedicada ao Espírito Santo e ao seu carón un pequeno hospital no que se reservaban sempre catro camas para os peregrinos que viaxaban a Santiago” (tomado e traducido de Andrés López Calvo: ‘Los hospitales para peregrinos del Camino Inglés a Santiago’, en “Estudios Mindonienses”, XX, Ferrol, 2004, p. 750-753) (Hospital e capela da ponte medieval eumesa, mandada facer polo primeiro señor da vila, Fernán Pérez de Andrade, e recreada no marabilloso debuxo que Fernando Sarmiento Calvo fixo consonte o rigoroso estudo do profesor Correa Arias, en José Francisco Correa Arias: “Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social”, Noia, 2004, p. 157).

Di a historia que no 316 nace en Panonia, na actual Hungría, Martiño. Seu pai, tribuno militar do poderoso exército do Imperio Romano, quixo que seguise a tradición familiar e alistouno, con só quince anos, na garda imperial romana. Conta tamén a lenda que un día de inverno do 337 entrou cos seus compañeiros na cidade francesa de
Amiens e viu nunha das portas da muralla un pobre tremendo de frío. Conmovido pola desgraza daquel home, desenvaiñou a espada e rachou con ela a súa capa de soldado pola metade para a compartir con el. Seica aquela noite o mesmiño Xesús Cristo se lle apareceu nun soño vestido co anaco de capa que lle dera ao mendigo para se abrigar (Relevo do santo dacabalo compartindo a súa capa de soldado cun necesitado na fachada da igrexa de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela).

Disque desde aquel momento, Martiño decidiu abrazar a vida relixiosa pero non o puido facer ata o ano 356 polos compromisos militares que adquirira. Sexa como for, o certo é que, no 371, o papa Dámaso I (366-384) o nomea bispo da diocese francesa de Tours, onde continuou como prelado ata a súa morte no 397 (Imaxe de san Martiño, na catedral de Ourense, cos atributos de bispo, realizada, en 1592, por Juan de Angés).

No concello de Pontedeume temos a parroquia de San Martiño de Andrade, que contaba cunha igrexa románica xa no século XII, da que se conservan a ábsida e os seus canzorros, entre os que destacan as figuras dun home e unha muller espidos, que decote se poñían no exterior dos templos. Preside o seu retablo a talla pontifical de san Martiño, barbado, que sae en procesión o día da festa; bendice ao pobo coa man dereita e porta na esquerda o báculo co que pastorea o seu rabaño; cobre a cabeza coa mitra, que fala da súa condición de bispo de Tours, e viste unha rica capa dourada, sotana e roquete, sobre o que leva pendurada do colo unha cruz (Canzorros da igrexa parroquial de San Martiño de Andrade).

A igrexa de San Martiño de Porto en Cabanas, construída a expensas do arcebispo de Santiago de Compostela, o eumés Bartolomé Rajoy y Losada (1751-1772), ten na súa fachada a imaxe en relevo do santo que lle dá nome, dacabalo e compartindo a súa capa cun pobre, cunha vestimenta de soldado anacrónica, máis propia do século XVIII, no que se realizou, que do IV, no que viviu Martiño.

O concello de Teo, onde eu resido, acolleu como patrón a san Martiño e celebra a súa festa cun día non laborable e unha afamada e tradicional feira cabalar ―é un dos mercados de gando con máis avoengo de Galicia, pois conta con case cinco séculos de antigüidade; xa se facía en 1557― na carballeira de Francos, na parroquia de San Xoán de Calo.

Ten tamén para min un significado especial, como xa dixen, o mosteiro de San Martiño Pinario. O seu topónimo fai referencia ao santo bispo que lle dá nome e ao piñeiral que alí debeu haber, ben pretiño do bosque Libredón, no que di a tradición que foron atopados os sagrados restos do apóstolo Santiago e onde se construíu a catedral compostelá para os venerar.

O ático da fachada barroca do mosteiro acolle a imaxe pétrea de vulto redondo, de san Martiño dacabalo, rachando coa espada de soldado a súa capa para a compartir co pobre que atopara ás portas da muralla de Amiens. Tamén aparece así representado, malia que en relevo, no frontón da igrexa monástica de Pinario (Imaxe de san Martiño no seumosteiro compostelán).

 

Lea también

Dúo Cassadó en Ferrol-(Julia M.ª Dopico Vale)

Julia M.ª Dopico Vale Este viernes y de mano de la Sociedad Filarmónica Ferrolana actuó …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *