Rivas, presenta a VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo

A subdelegada do Goberno na  Coruña, María Rivas, participou esta semana na presentación da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo que organiza a Garda Civil

A presentación tivo lugar no IES Alfredo Brañas de Carballo, e contou  coa participación do alumnado de 4º da ESO que son aos que se dirixe  modalidade pre-amateur creada na anterior convocatoria.

Son un total de 51 os centros educativos de Galicia que poden  inscribir aos seus equipos, antes do 22 de novembro, a través da web ­ www.ligagc.com . Os equipos estarán compostos preferiblemente por 4, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25  o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos  clasificados disputarán a final no Centro Universitario da Garda Civil de Aranjuez no mes de marzo de 2025.

A subdelegada indicou que con esta competición, a Garda Civil pretende  concienciar á xuventude sobre o uso seguro e responsable das novas  tecnoloxías, así como potenciar o coñecemento e premiar o talento no  ámbito  da ciberseguridade. O alumnado participante terá que  enfrontarse, e tratar de resolver, unha serie de ciber-retos que  simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan por  internet. E para resolvelos deberán empregar todas as súas  habilidades, traballando en equipo e poñendo en práctica as ensinanzas  recibidas, especialmente na acción formativa que se desenvolve de  maneira previa á competición.

Durante a súa intervención, María Rivas sinalou que “a ciberseguridade  constrúese e debe mellorarse día a día”, sente este o único xeito de  enfrontar as novas ameazas que van xurdindo. “Os hackers cada vez  actúan cun maior nivel de sofisticación, e necesitamos protexer a  información e os sistemas. Isto lévanos á necesidade de implementar  medidas de seguridade cada día máis robustas e para conseguilo é  fundamental a formación e a incorporación de talento”.

A subdelegada recordou que “a ciberdelincuencia non é algo que lle  pasa aos demais. Todas e todos estamos en risco. Por tal motivo é  fundamental formarse xa que canto máis preparados e preparadas  estamos,  mellor podemos autoprotexernos ao tempo que contribuímos a  crear unha internet máis segura”.

Finalmente convidou a todos os centros educativos e ao alumnado de 4º  da ESO a participar na “National Cyber League” da Garda Civil para  contribuír dende a mocidade a crear entre todas e todos esa internet  máis segura, aproveitando a competición para aprender máis sobre  ciberseguridade, superar retos, e tamén divertirse e competir en equipo.

A quinta edición (ano 2023) implementou a modalidade pre-ameteur, para  alumnos de 4º curso da ESO, cun proxecto piloto nas Comunidade  Autónomas de Galicia, Castela a Mancha e Madrid. A participación  chegou a máis de 4.000  alumnas e alumnos de 4º da ESO das 4  Comunidade participantes nesa primeira convocatoria.

Na sexta edición (2024) ademais de continuar coas modalidades amateur  e para profesionais das forzas de seguridade, afiánzase a pre-amateur,  aumentando a nove as Comunidades Autónomas nas que os alumnos de 4º da  ESO demostrarán as súas habilidades e coñecementos. Ademais das Comunidades Autónomas do ano 2023, este ano únense Cantabria, Castela  e León, Estremadura, Illas Baleares, Illas Canarias e Navarra.

No acto de presentación da Ciberliga, a subdelegada estivo acompañada  polo Xeneral Xefe de Zona de Galicia da Garda Civil, Miguel González  Arias; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Directora Xeral de  Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández e a Directora do  IES Alfredo Brañas, Mónica Mariño.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …