San Sadurdiño acolle a exposición «Historias das nosas: arando na memoria»

A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño lanzou a primeiros de outubro o convite para participar na mostra «Historias das nosas: arando na memoria». A actividade, organizada co gallo do Día Internacional das mulleres rurais, propuña buscar fotos antigas que reflectisen dalgún xeito o papel da muller no desenvolvemento do concello e, despois, ir aos lugares onde se tomaron orixinalmente e volver sacalas superpoñendo co mesmo encadre as instantáneas vellas sobre os escenarios actuais.

A finalidade da experiencia non era outra que reivindicar as mulleres como sustento do rural, ademais de propor unha reflexión colectiva sobre o paso do tempo, os dereitos conquistados e tamén os que aínda faltan por conquistar.  O resultado son unha vintena de imaxes achegadas pola veciñanza que compoñen entre todas un retrato feminino e en feminino de distintas épocas do noso concello. A exposición pode visitarse no patio interior da Casa do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais.

A esencia da exposición fotográfica queda recollida á perfección no texto introdutorio redactado pola axente de Igualdade, Oriana López Castiñeira, para explicarlle ao público as motivacións e tamén o obxectivo último desta mostra construída pola propia veciñanza.

«E é que a historia dun territorio -explica o texto- é resultado do conxunto dos relatos das persoas que o habitan e só pode ser contada a través destas. A muller rural de San Sadurniño non é unha, non é un concepto fixo e uniforme que podamos definir facilmente. As nosas parroquias estiveron e están poboadas por moitas mulleres diferentes e únicas: pequenas, rapazas, adultas, vellas, labregas, gandeiras, levando tendas, bares, negocios de todo tipo, amas de casa, traballadoras do Concello…»

O cartel anunciador da exposición, pendurado a man esquerda segundo se accede á columnata do patio interior da casa consistorial,  abrangue en poucas liñas os roles pasados e presentes das mulleres «que sosteñen e acompañan coidando, que traballan na casa e tamén fóra, pero tamén que folgan e que gozan de reunirse e pasalo ben. Mulleres rurais que loitan por ter aquí servizos, que terman das tradicións e da cultura local, que se esforzan por manter a rede veciñal e que traen innovación ao noso concello. Mulleres, en definitiva, diversas pero iguais».

A mostra compóñena vinte imaxes achegadas por outros tantos veciños que en boa parte dos casos participaron no obradoiro Tempos para compartir impartido por Kevin Lorenzo onde se explicou a técnica das fotos superpostas. Instantáneas que son «cachiños das vidas das mulleres do noso concello. Fragmentos do día a día que quedaron capturados mediante fotos e que retratan o día a dia das mulleres de San Sadurniño e das súas historias particulares. Historias que encadramos no presente a para poder ver como foron cambiando as vidas das nosas mulleres e do noso rural. Historias coas que tentamos arar na memoria fixando a olladada naquelas cousas que no día a día non pasamos desapercibidas: As historias das Nosas».

Estas «Historias das Nosas: arando na memoria» poden descubrirse até fin de mes entre as columnas que soportan a Galería municipal (onde tamén podemos ver ata mediados de mes as acuarelas de Blanca Escrigas). De feito, a exposición fará de ponte de enlace entre o Día Internacional das mulleres rurais do 15 de outubro e o Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas do próximo 25 de novembro, que tamén contará cunha programación de actividades específica.

Aviso:
A Biblioteca Municipal de San Sadurniño modifica os seus horarios
 
Até novo aviso abrirá de luns a venres en horario de 10:30 a 14:00h e os martes e xoves de 15:00 a 19:00h.
A través das redes sociais tamén lle avanzamos á veciñanza que o servizo permanecerá pechado durante as vacacións escolares, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro.
 
O Concello prega escusas polos inconvenientes que estes cambios poidan causarlles ás persoas usuarias, agardando que a biblioteca e os clubes de lectura poidan volver á normalidade no prazo máis curto posible.

Lea también

Continúan los conciertos de Navidad en Ferrol, Ultramar

La AVV Ultramar continua este fin de semana con sus tradicionales conciertos de Navidad, en …