A alcaldesa Ferreiro reúnese co Presidente Rueda en San Caetano

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantivo na tarde do martes 5 unha reunión co presidente da Xunta de Galicia en San Caetano, Alfonso Rueda.

A rexedora local solicitou o encontro para abordar con Rueda diversas actuacións e necesidades da oitava cidade de Galicia. O saneamento rural, o servizo de transporte, os centros de ensino, a construción dun centro de maiores, de vivendas de promoción pública… foron algúns dos temas tratados na convocatoria. Ao remate da mesma Ferreiro agradeceu a receptividade do presidente autonómico para tratar de materializar algunhas das peticións formuladas.

Ferreiro calificou de “cordial” a xuntanza mantida onte e valorou positivamente o feito de “poder trasladarlle persoalmente as necesidades da nosa cidade, que son as dos nosos veciños, e de establecer unha vía de comunicación directa que confío en que permita materializar algunhas das demandas plantexadas a través desa tan necesaria colaboración entre administracións, ofrecendo en todo momento a do Concello para continuar avanzando no Narón do futuro”.

A construción dun centro para persoas maiores no termo municipal foi unha das demandas que a rexedora local puxo sobre a mesa, indicando catro posibles ubicacións que o Concello está en disposición de ceder á Xunta. Dende a administración autonómica, o presidente comprometeuse a analizar a proposta plantexada pola rexedora local. O saneamento rural foi outro dos temas presentados pola alcaldesa, que informou do importante investimento pendente para rematar a implantación do servizo.

A maiores Ferreiro trasladoulle ao presidente autonómico a necesidade de acondicionar o colector xeral de Río do Pozo a Freixeiro para frear as actuais filtracións de auga exterior que se introduce na rede de residuais a depurar, co que iso supón en canto aos custes a repercutir no Concello. «O Consistorio incluiu esta actuación na ETI para a Axenda Urbana 2030, co fin de poder acadar fondos europeos para acometer este proxecto, cuxo orzamento se estima en algo máis de 4,3 millóns de euros”, apuntou Ferreiro.

Dende a Xunta manifestouse a posibilidade de cofinanciar parte de esta actuación no caso de acadar eses fondos. A xestión da EDAR de Cabo Prioriño foi outro dos temas abordados na reunión.

En materia de infraestruturas trasladouse novamente á Xunta a necesidade de mellorar a estrada de Cedeira (AC-566), presentando Ferreiro un proxecto que ten o Consistorio con esa finalidade e para o que Rueda ofreceu a posibilidade de realizar un convenio para cofinanciar os traballos.

Tratouse ademais o estado de outros viais de titularidade autonómica, solicitando melloras nas mesmas e tamén a reparación das respectivas beirarrúas nos tramos nos que presentan deficiencias. O servizo de transporte público na cidade, en referencia ao Plan de Transporte Metropolitano e a mellora de conexións entre barrios, tamén se abordou na reunión, así como a necesidade de intermediar para poñer fin á folga que se iniciou hai máis de tres meses.

En canto á vivenda, solicitouse a construción na cidade de inmobles de promoción pública en réxime de alugueiro, informando a rexedora local da existencia de terreos que dende o Concello se poderían ceder para a súa construción, ofrecendo deste xeito colaboración á administración autonómica para cubrir esa necesidade en Narón. Sobre este asunto Rueda manifestou a vontade de colaborar co Concello para poder habilitar este tipo de vivendas na cidade.

Na área de Educación Ferreiro solicitou que a Xunta asuma a xestión das escolas infantís municipais da Solaina, A Gándara e Piñeiros, tal e como se fai coa de Xuvia, e tamén a subsanación de importantes deficiencias nos centros de ensino públicos da cidade. A retirada de cubertas de fibrocemento, reparación de problemas estructurais, mellora de canalizacións…son algunhas desas deficiencias, que dende a Xunta requeriron priorizar por centros de cara a unha futura actuación.

O funcionamento do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón foi outro dos temas que Ferreiro abordou con Rueda, a quen tamén lle pediu un cambio na financiación e modo de xestión do Servizo de Axuda no Fogar de cara a mellorar a atención aos demandantes do mesmo.

O presidente autonómico comprometeuse a estudar posibles melloras no servizo Ferreiro valorou a receptividade de Rueda de cara a construír na cidade un Centro de Información á Muller, un servizo que dende a Xunta impulsan en diferentes concellos galegos.

Na área de Patrimonio, a alcaldesa pediu colaboración autonómica de cara á futura rehabilitación do muíño de As Aceas e en Cultura, entre outras peticións, unha maior oferta para a cidade, cuestións sobre a que acadou o compromiso de Rueda para colaborar.

Así mesmo, Ferreiro solicitou tamén colaboración da Xunta para cofinanciar novos equipamentos deportivos.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *