O Concello de Cedeira destina no presente exercicio 158.300€ a sufragar convenios nominativos con 13 asociacións da localidade, unha cantidade que se suma aos 120.000€ repartidos por concorrencia competitiva a entidades socioculturais e clubes deportivos e aos 4.000€ que se distribuirán, co mesmo sistema, entre as comisións de festas.
En total, o goberno local inxecta este ano ao tecido asociativo do municipio 282.300€ para respaldar as súas iniciativas e tarefas, importantes en moi diferentes eidos e valoradas todas elas porque contribúen a mellorar e dinamizar a vida de Cedeira.
Así, o Concello mantén convenios coa ANPA Picapeixe (10.000€), ANPA O Beco (7.000€), a Banda de Música Vila de Cedeira (11.000€), coa asociación Apader (10.000€), coa entidade A Crina (3.500€), con ABAC (12.000€), coa asociación Santo André de Teixido (3.500€), con Protección Civil (20.000€), coa Cruz Vermella (3.800€), Sobre Rodas (6.000€), coa Asociación Mares (20.000€), con ARCE (5.500€) e coa Escola de Música (46.000€ ao ano, a través dun convenio plurianual).
En cada un destes convenios establécense as obrigas das entidades, que van desde a celebración de varios concertos ao longo do ano no caso da Banda de Música, ao control das colonias felinas que asume a ABAC ou ás tarefas de apoio en prevención e seguridade cidadá que fai Protección Civil.
Xunto coas 13 entidades nomeadas, que asinan cadanseu convenio, este ano recibirán axudas do Concello de Cedeira 17 asociacións socioculturais e nove clubs deportivos. Na primeira destas convocatorias resultaron beneficiarias a Asociación de Amas de Casa (4,298,59€), as entidades veciñais de San Román (4.672,37€), Cervo Tarroiba (4.485,48€), Piñeiro (5.198,59€), Santa María de Régoa (4.519,94€) e San Xulián de Montoxo (4.046,93€), a Rondalla de Cedeira (3.596,62€), As Aturuxeiras (2.629,07€), Sociedade Artística Eixil (5.008,79€), Virxe do Mar (2.220€), Cedeira en Pé (3.177,22€), Patchwork (2.784,76€), a Asociación de Maiores (2.810,07€), Buxainas (4.784,51€),Discaz@s polo Festival (2.658,18€), Lugares Comúns (1.236,7€) e Asociación de Acordeóns (3.158,17€).
Na convocatoria de deportes, as entidades que reciben axudas este ano son os clubes Remo Cedeira (6.684,09€), Tenis Club (5.111,46€), Cedeira SD (11.287,31€), Basket Club (7.567,67€), Club Natación (9.398,14€), Sociedade de Caza e Pesca (7.506,64€), Discalzas SD (4.000€), Club de Baile Street Dance (5.444,27€) e Club de Buceo (3.000€).
A convocatoria de axudas para comisións de festas, que se publicará e resolverá tamén este ano, conta con 4.000€ que se repartirán por concorrencia competitiva, atendendo a criterios obxectivos.