Ultímase en Narón un completo programa de Samaín

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou este venres 25 xunto con Miguel Ángel Santalla e José Manuel López, da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, a programación coa que o vindeiro 31 de outubro se celebrará o Samaín.

Os actos desenvolveranse no Centro cívico social de San Mateo, na escola da parroquia e nas súas inmediacións durante a tarde e parte da noite. Na tarde do xoves da vindeira semana comezarán a desenvolverse as diferentes propostas, a partir das 17.00 horas.

Poderase ver unha exposición de cabazas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares da cidade a través dun obradoiro impulsado dende o Padroado da Cultura e tamén a esa hora comezarán uns obradoiros de cabazas e maquillaxe nos que poderán participar as persoas que o desexen.

Ás 19.00 horas dará comezo unha actuación musical a cargo de Gramola Gominola e ás 20.00 horas, como é tradicional nesta data, sairá das inmediacións do local social a tradicional “Comitiva de Luces e Tebras”, un percorrido “terrorífico” de aproximadamente quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo e no que os caminantes portarán candeas para alumear na escuridade.

A programación inclúe ás 20.30 horas o Obradoiro do Medo, unha proposta para menores ata 12 anos que terá lugar na Escola de San Mateo.

A amenización nocturna do Samaín correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura, cuxa actuación comezará ás 21.00 horas.

Un ano máis, non faltarán nesta cita o afamado caldo e os liscos que prepararán representantes da Agrupación Veciñal de San Mateo e que se servirán ás persoas que desexen degustalos a un prezo simbólico de dous euros.

Os tickets poderán adquirirse na zona da carpa, tal e como indicaron os representantes da entidade veciñal.

A alcaldesa e os representantes da AVV San Mateo animaron á cidadanía a achegarse á parroquia para desfrutar da celebración do Samaín, “mantendo viva unha cita de orixe celta coa que se celebra o comezo do inverno e o inicio do Ano novo celta”.

Ferreiro destacou a implicación da veciñanza de San Mateo nesta convocatoria “que ano tras anos reúne a centos de persoas ao longo do día, de todas as idades e chegadas de Narón e tamén doutros concellos da zona”.

Lea también

O alumeado de Nadal en Narón acenderase este xoves

A concelleira de Festas, Mar Gómez, anunciou que o tradicional acto de acendido do alumeado …