Os Mércores de Cine de Narón regresan cun ciclo dedicado ás relacións familiares

O Cineclube Serie B de Narón vén de presentar unha nova edición dos Mércores de Cine, que dará comezo este próximo 12 de novembro no Pazo da Cultura de Narón. O presidente desta asociación cultural, Alberto Pena, deu a coñecer a programación acompañado pola alcaldesa Marián Ferreiro, nun acto celebrado no Concello.
 
 
Nesta ocasión, o ciclo ten como fío condutor as relacións familiares, un tema que o Cineclube explorará a través de catro longametraxes multipremiadas, asinadas por destacados nomes do cinema contemporáneo. “Tras o éxito de ‘Coco’, que contou cunha grande afluencia de  público este Samaín, queriamos continuar cun ciclo que apelase tamén ás emocións e á identidade, pero dende outro lugar”, explicou na presentación Alberto Pena.
 
“Nesta ocasión escollemos películas centradas nas relacións familiares, nas diferentes formas de paternidade e de vínculos entre pais e fillos, irmáns ou curmáns. Hai filmes con adolescentes, nenos e familias que se reconstrúen tras a perda ou a distancia. Son historias que, dalgunha maneira, todos podemos sentir próximas”, engadiu.
 
A programación abre este 12 de novembro con ‘Los Tenenbaums’, de Wes Anderson, unha comedia excéntrica sobre unha familia de nenos prodixio que se reencontra anos despois baixo o mesmo teito. O 19 de novembro será a quenda de ‘Lady Bird’, ópera prima de Greta Gerwig, un retrato sincero e cheo de humor das tensións entre unha nai e a súa filla adolescente. O 26 de novembro proxectarase ‘Aftersun’, de Charlotte Wells, unha historia íntima sobre a relación entre un pai novo e a súa filla durante unhas vacacións marcadas pola nostalxia.
 
Finalmente, o 3 de decembro, ‘Verano 1993’ de Carla Simón pechará o ciclo cun relato autobiográfico sobre a infancia e a adaptación a unha nova familia tras a perda dos pais. O presidente do Cineclube lembrou tamén que a programación continúa a liña temática doutros anos: “Normalmente facemos ciclos temáticos, e nesta volta queriamos achegarnos ás relaxións materno-paterno-filiais. Parécenos interesante ver como o cinema contemporáneo trata esas dinámicas familiares dende distintos contextos culturais”.
 
A alcaldesa Marián Ferreiro felicitou o Cineclube Serie B “pola súa constancia e polo traballo que vén facendo para ofrecer en Narón un espazo de encontro arredor do cinema de autor”, e animou á veciñanza a participar “nun ciclo que promete emoción, reflexión e moi bo cine”. As proxeccións terán lugar cada mércores ás 20:00 horas, e a entrada será de balde ata completar aforo. O programa completo dos Mércores de Cine pode consultarse nas redes sociais do Cineclube Serie B e na web do Pazo da Cultura de Narón.

Lea también

Ferrol licita las obras de transformación del Torrente Ballester en el museo de la ciudad

La transformación del Centro Cultural Torrente Ballester en el Museo de Ferrol continúa con sus …