Narón reforza a coordinación coas comisións de festas para mellorar seguridade e prazos de tramitación

O Concello de Narón celebrou esta semana a súa reunión anual coas comisións de festas do municipio, un encontro que se adianta este ano co obxectivo de planificar con maior antelación a próxima tempada de festexos. Na xuntanza participaron o concelleiro de Seguridade, José Oreona, e a concelleira de Festas, Mar Gómez, xunto co técnico municipal de prevención de riscos laborais e representantes das diferentes comisións.
 
 
Durante o encontro acordouse a creación dunha canle de comunicación directa entre o Concello e as entidades organizadoras para recoller propostas do tecido asociativo e mellorar a coordinación en materia de seguridade. Mantendo a máxima vontade de colaboración, tamén se definiu o procedemento que permitirá garantir a protección tanto das comisións organizadoras como do conxunto da veciñanza.
 
Un dos principais obxectivos é optimizar os prazos de tramitación, polo que se estableceu a obriga de comunicar con, polo menos, un mes de antelación toda a información relativa a instalacións temporais como escenarios, aparellos de recreo ou postos de comida. Ademais, o Concello ofrecerá ás comisións unha formación gratuíta en materia de actuación ante emerxencias.
 
Esta acción formativa abordará cuestións prácticas sobre prevención e loita contra incendios, así como protocolos de atención en caso de accidente, co fin de mellorar a capacidade de resposta dos organizadores. A xuntanza enmárcase na política municipal de reforzar a colaboración co tecido asociativo e avanzar na seguridade e calidade das festas populares de Narón.

Lea también

Convocado el XX Trofeo «Cidade de Narón» de Tiro con Arco

El Club ARCO Narón, de acuerdo con el Calendario Oficial de la Federación Galega y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *