A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, entregaron no mediodía deste venres 25 no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, os diplomas do curso de Peixería enmarcado no programa municipal de formación e cofinanciado pola Unión Europea.
Un total de once persoas -oito homes e tres mulleres- remataron o periodo formativo e catro delas están actualmente traballando en peixerías da zona. “Temos que valorar moi positivamente a inserción laboral deste curso, que no propio mes de finalización da actividade xa alcanza o 37%”, destacou a alcaldesa.
O alumnado iniciou as clases o 17 de xuño e o pasado 10 de outubro rematou este período, cun total de 400 horas con prácticas incluídas e que contemplou tamén 15 horas en módulos transversais, dúas visitas e dúas charlas. Un total de 15 persoas iniciaron este curso -que contou con 29 solicitudes-, se ben no período das prácticas continuaban 13.
“Queremos agradecer tamén a implicación das empresas nas que o alumnado realizou as prácticas, Gadis, Froiz, Eroski Neda e A túa lonxa, por ofrecerlles a posibilidade de poñer en práctica o aprendido durante as sesións teóricas”, destacou a rexedora local.
O curso dirixíase a persoas desempregadas e impartiuse en horario de mañá. Coñecemento e diferenciación de pescados e mariscos, a súa recepción, almacenamento e conservación, tratamento e preparación, atención ao público, prevención de riscos laborais específicos do sector e hixiene alimentaria foron algúns dos contidos abordados no mesmo.
Ferreiro felicitou ao alumnado que realizou o curso e desexoulles moita sorte no mercado laboral, tanto aos que están xa en activo como a aqueles que desexan exercer no ámbito da peixería. No transcurso da convocatoria tamén se informou ao alumnado dos servizos de emprego e formación permanentes de que dispón o Concello.