O Concello de Narón abriu este martes 1 o prazo de solicitude do servizo de madrugadores nos centros públicos de educación infantil e primaria da cidade, que a partir do vindeiro curso escolar, tal e como se comprometera dende o goberno local, asumirá a súa xestión a administración local á espera de que a administración autonómica asuma a súa competencia nesta área, tal e como se incide dende hai anos.
Os destinatarios deste servizo son alumnos de segundo ciclo de educación Infantil e educación Primaria, podendo solicitalo os pais ou titores ou representantes legais dos escolares. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica, a través do pertinente formulario, e achegando a documentación requirida, dende o citado martes e durante todo o curso escolar 2025-2026, podendo inscribirse en calquera momento sempre que haxa prazas dispoñibles.
Dende o goberno local agradeceron “a comprensión e o esforzo dos pais e nais que, entendendo os problemas que conlevou a tramitación necesaria para que o Concello puidese asumir a xestión temporalmente, asumiron máis tempo do pensado inicialmente ese labor, imprescindible para o mantemento do servizo e que continuamos insistindo e continuaremos reclamando que o asuma a Xunta de Galicia como unha competencia autonómica”.
O prezo do servizo é o regulado e aprobado por acordo plenario con data 26 decembro de 2024, cun custo de 38,72 euros ao mes ou 3,50 euros ao día segundo a asistencia fixa ou esporádica respectivamente e con posibles reducións no prezo en caso de solicitar e concederse as bonificacións establecidas para usuarios fixos na ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de madrugadores.
As axudas para material escolar, en función das rendas da unidade familiar e dirixidas a familias con fillos matriculados en segundo ciclo de Infantil, educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de adultos, tamén poden solicitarse, neste caso ata o 30 de abril do vindeiro ano, ao igual que as de comedor para centros concertados.
Para poder optar ás mesmas é preciso cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroados en Narón e non superar un determinado límite de ingresos anuais, entre outros. As persoas interesadas en solicitar máis información sobre as persoas beneficiarias destas axudas, a documentación a presentar ou o impreso de solicitude poden dirixirse ao Rexistro Xeral de entrada do Concello ou ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar.
Estas axudas poden tramitarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón, do Rexistro xeral do Concello –de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00 horas- ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.