A inmensa maioría das persoas que pasaron polos pisos de estancia temporal foron galegas (o 90 %), procedentes de localidades como Ourense, Ferrol, Cee, Silleda.
Unha decena de familias beneficiáronse no que vai de ano vivendas de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e familiares que ofrece Asotrame. Este recurso, incluído no programa de “Atención social, asesoramento e intervención especializada I”, que promove COGAMI, conta un ano máis con fondos procedentes da asignación económica do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades, xestionada pola Consellería de Política Social.
Á Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea (Asotrame) correspondeulle un total de 12.000 euros na última convocatoria de subvencións para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á “X Solidaria”.
Esta axuda enmárcase na liña de actuacións para a promoción da autonomía persoas e apoio a persoas maiores ou con discapacidade.
Este apoio económico permite facer fronte a unha parte dos gastos de aluguer e de servizos (electricidade, auga, lixo…) xerados nas dúas vivendas que a entidade pon a disposición das persoas enfermas de cancro – con prioridade para os pacientes de cáncer do sangue- desprazados para o seu tratamento no CHUAC ou no Hospital Clínico de Santiago ou ben para quen as acompaña se están ingresadas.
Segundo os rexistros da asociación, nos primeiros nove meses do 2024, foron 6 as familias que fixeron uso, de forma totalmente gratuíta, do piso de Santiago de Compostela, contando así cun espazo para descansar, asearse ou desconectar do hospital sen necesidade de alugar unha casa ou viaxar decote aos seus municipios de orixe. Uns gastos extra que, en moitas ocasións, resultan inasumibles. Mentres, o apartamento da Coruña acolleu a catro, unha delas durante case que cinco meses.
A inmensa maioría das persoas que pasaron polos pisos de estancia temporal foron galegas (o 90 %), procedentes de localidades como Ourense, Ferrol, Cee, Silleda. Con todo, tamén botou man do servizo, que inclúe apoio emocional por parte do equipo técnico da asociación, unha familia sevillana.
Este recurso, facilitado por Asotrame, busca paliar, nalgunha medida, as repercusións económicas (empeoramento da situación laboral ou mesmo perda do traballo) e sociais que ten na vida persoal e familiar un diagnóstico de cancro. Unha axuda que chega no momento de maior vulnerabilidade.