O pasarrúas ás escuras do sábado será a cita máis importante do programa, que se vai desenvolver desde o venres 1 ata o domingo 3 de novembro.
O Samaín, a festa arredor do encontro entre o mundo dos vivos e o dos mortos, tomará Cedeira desde o venres 1 ata o domingo 3 de novembro. O Concello impulsa un ano máis, da man da Asociación de Amigos do Samaín e doutras entidades, un programa de actos que reivindica a tradición dos nosos avós, como o tallado de cabazas ou a elaboración de zonchos, e que quere deixar a un lado o influxo anglosaxón e os disfraces que non ten que ver coa nosa cultura.
En Cedeira estivo a orixe da recuperación do Samaín en Galicia e 35 anos despois a localidade segue a loitar por manter o espíritu xenuíno da festa de defuntos, sen adobíos artificiais.
O programa comezará o venres 1 de novembro. Ás 16.00 horas haberá un obradoiro de farolillos terroríficos de Samaín no Museo Mares de Cedeira -inscricións abertas a través do Whatsapp, no número 614 209 504, prezo 3€-. As carpas que se instalarán no paseo da Mariña para o Samaín abrirán ás 17.30h e acollerán dous obradoiros: un de elaboración de zonchos e outro de creación de adornos para levar no pasarrúas do sábado.
Ás 20.00 horas haberá un contacontos a cargo de Isea Agilda, “Iseo a moura” no seu nome de narradora oral. Contará a historia “De cea cos defuntiños”, na que explica como recibimos en Galicia a visita dos nosos defuntos.
O sábado 2 de novembro será o día máis importante na festa do Samaín de Cedeira, o día no que terá lugar o pasarrúas das pantasmas polo casco antigo. As actividades comezarán nas carpas do paseo da Mariña a partir das 17.00h. Todas as persoas que o desexen están invitadas a achegar ata alí as súas cabazas e melóns tallados para incorporalos á exposición.
Haberá tamén un obradoiro de tallado de cabazas, outro de maqueado, unha “Casa das Ánimas” e merendola de outono a base de bola de zucre e requeixo. Ás 20.30h comezará o pasarrúas, partindo do mesmo paseo da Mariña e ascendendo polas rúas do casco vello. As luces estarán apagadas e o percorrido só estará iluminado coas candeas que leven algúns, polo que adoita ser un paseo cheo de sustos e risas, moi emocionante para a xente pequena.
Desde a organización lembran que o único disfrace propio do Samaín é a saba, o camisón ou a roupa branca propia dun pantasma!.
O Auditorio Municipal acollerá o domingo 3 unha peza teatral, para público adulto, que pechará as actividades do Samaín. A compañía de Diana Sieira ofrecerá a obra “The Witch”, na que conta a historia dunha muller acusada de meigaría na Idade Media. A función comezará ás 19.00h e as entradas custarán 2,5€.