O Concello de Narón acolleu no mediodía deste venres 4 unha reunión para a presentación dunha serie de datos do grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, sobre as prospeccións realizadas a comezos deste ano para localizar fosas comúns no cemiterio do Val.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que tamén asistiron o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita: o historiador Enrique Barrera; integrantes do grupo Histagra, Gustavo Hervella, Lourenzo Fernández, Antonio Míguez, Conchi López e Oria Ferreiro, e os voceiros dos grupos políticos da corporación local, Germán Castrillón (PP); Olaia Ledo (BNG) e Silvia de Arriba (PSOE).
Dende a Asociación Memoria Histórica Democrática indicaron que a convocatoria de hoxe non foi unha reunión oficial, pero si oficiosa, do Consello Sectorial de Memoria Histórica. “Está previsto continuar cunha segunda fase das prospeccións na zona do cemiterio donde se identificaron algúns restos, para saber con certeza se alí está a fosa”, indicaron, recalcando que se trataría dunha “atípica en Galicia, porque aquí non soen ser de moita xente”.
Pola súa banda, en Histagra avanzan nos trámites burocráticos que lles permitan retomar os traballos, coa previsión de facelo antes de finais deste ano. Así o apuntaba Conchi López, documentalista, que indicou que “hoxe resumimos o que fixemos no Val, todo o apartado de investigación histórica, e comentamos o traballo necesario para intentar identificar a localización da fosa e delimitar a súa intervención”.
Esa primeira fase de identificación está previsto rematala este ano e avánzase coa previsión “de que nos proporcione a información suficiente para saber se é viable unha exhumación, que é o que pediron as familias no seu momento”.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, valorou trala reunión o traballo realizado tanto pola Asociación Memoria Histórica Democrática como polo grupo de investigación Histagra, agradecendo tamén “a inestimable colaboración das familias e veciñanza que, ante unha situación tan complicada, aportan a máxima colaboración para poder avanzar nos traballos”.
A rexedora local asegurou que “é importante continuar nesta liña, tratando de saldar en certo modo unha débeda histórica con milleiros de persoas asasinadas durante a Guerra Civil e os tempos da posguerra, vítimas da represión do franquismo, investigando uns feitos que non deben quedar no esquecemento e que forman parte da nos amáis cruenta historia”.