Narón celebra o seu día grande con festa na praza 23 de novembro e unha andaina popular

Narón prepárase para celebrar este domingo 23 de novembro o seu día grande. A xornada do Día de Narón chega un ano máis cun programa que combina tradición, participación cidadá e actividades culturais, deportivas e gastronómicas pensadas para todos os públicos.
Instaurada en 1993, a efemérede lembra a primeira acta municipal do ano 1837 na que aparece documentado o topónimo Narón.
 
 
Na presentación da programación participaron a concelleira de Festexos, Mar Gómez, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, que destacaron o valor simbólico e comunitario dunha xornada xa consolidada no calendario local. A Praza 23 de Novembro, situada nas inmediacións do pavillón do Campo da Serra, será o centro neurálxico das celebracións.
 
A concelleira Mar Gómez subliñou que o Día de Narón “é unha ocasión para recoñecernos como comunidade, compartir espazos e poñer en valor as nosas tradicións”. Ademais, destacou o carácter participativo da proposta deste ano que comeza ás 11.30 horas con xogos populares que darán a benvida ás familias e a toda a veciñanza.
 
A partir das 12.30 horas, a música e a tradición tomarán o espazo coa actuación das cantareiras e pandereteiras de Alxibeira, acompañadas pola banda de gaitas e a escola de baile tradicional do Padroado da Cultura do Concello, nunha mostra do patrimonio musical de Narón.
 
Entre as 13.00 e as 15.00 horas, o público poderá gozar dunha degustación de callos e bolos preñados, e ás 14.00 horas está prevista a actuación do Grupo Cantos de Taberna dos Centros Comunitarios de Narón, que achegará un repertorio de música tradicional.
 
A celebración prolongarase durante a tarde coa actuación musical do Dúo Veneguay, que animará a praza entre as 14.30 e as 17.00 horas.
 
No caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, toda a programación trasladarase ao interior do pavillón Campo da Serra. O programa complétase cunha andaina polo Día de Narón, organizada polo Servizo de Deportes municipal e que terá lugar o mesmo domingo 23 de novembro.
 
O concelleiro Ibán Santalla explicou que esta actividade é “unha maneira estupenda de conectar co territorio, gozar da natureza e fomentar hábitos saudables”, ademais de ser “un punto de encontro para moitas veciñas e veciños”.
 
A actividade, de carácter gratuíto e cun máximo de 150 prazas, propón un percorrido duns 14 quilómetros por diferentes parroquias e barrios do concello de Narón. A saída está fixada ás 10.00 horas no Local Social da Solaina con chegada estimada ás 13.00 horas na Praza 23 de Novembro. O itinerario inclúe zonas como Santa Cecilia, A Gándara, O Couto, Neda, Xuvia, Piñeiros e Freixeiro, antes de regresar ao punto de inicio. As inscricións poden formalizarse no Polideportivo de Narón ata este martes 18 de novembro de 9.00 a 11.00 e de 17.00 a 18.30 horas.
 
Desde o Concello de Narón animan a veciñanza a tomar parte activa nesta xornada, deseñada para reforzar o sentimento de comunidade, promover o lecer compartido e reivindicar a historia e a identidade local.

Lea también

A piscina da Gándara reúne este sábado nove clubs no XXXII Trofeo Cidade de Narón

A natación galega ten este sábado 15 de novembro unha das súas grandes citas en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *