A Casa do Concello de Narón acolleu este luns 17 a Xunta Local de Seguridade, presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, xunto co subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.
No encontro participaron representantes da Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil de Tráfico, co obxectivo de avanzar na coordinación interinstitucional e avaliar as actuacións en materia de seguridade cidadá no municipio, con especial atención á prevención do tráfico de drogas.
Na xuntanza, á que tamén acudiu o concelleiro de Seguridade José Oreona e representantes de PP, BNG e PSOE, a alcaldesa subliñou a importancia do traballo conxunto entre os corpos de seguridade. Neste contexto, aprobouse o Protocolo de Coordinación Operativa entre Policía Local e Policía Nacional, que formaliza procedementos xa existentes e busca reforzar a cooperación diaria para ofrecer unha resposta máis eficaz e próxima á veciñanza.
“En Narón mantemos unha coordinación intensa e constante entre Policía Local e Policía Nacional, con reunións semanais que permiten actuar de forma rápida fronte a calquera situación de risco”, destacou Ferreiro. O subdelegado Julio Abalde tamén valorou o protocolo e a colaboración entre ambos os corpos: “O traballo conxunto das forzas de seguridade é fundamental para ofrecer unha resposta eficaz e próxima ás necesidades da veciñanza”, e subliñou que este programa reforza a excelente coordinación xa existente en Narón entre os dous corpos de seguridade.
A alcaldesa informou tamén dos avances na coordinación coas entidades sociais para abordar o asentamento de Freixeiro. O Concello mantén unha colaboración activa con Cáritas Mondoñedo-Ferrol, propietaria dos terreos, para establecer liñas estratéxicas que permitan urbanísticamente avanzar no desaloxo, dada a situación de inhabilitabilidade do campamento.
Nas últimas semanas, o Concello levou a cabo limpezas e labores de desbroce en fincas anexas, así como a retirada de enseres acumulados. Tamén se emitiron apercibimentos a asociacións e empresas que depositaban materiais na zona, co obxectivo de evitar riscos e a degradación do contorno.
Paralelamente, o Concello solicitou á Consellería de Política Social e Igualdade unha subvención específica para programas de inclusión social 2025-2027, destinada a traballar o senfogarismo. Trátase dun proxecto de 127.465 euros, actualmente pendente de resolución.
Supeditado á concesión desta axuda, deuse inicio a un proceso de licitación para contratar apoio técnico en actuacións complementarias no marco do programa de inclusión social de persoas sen fogar, que se executará en coordinación co equipo multidisciplinar do Servizo Sociocomunitario municipal. Cando este proceso se active, constituirase unha comisión de traballo interdepartamental, na que participarán equipos municipais e entidades sociais implicadas, co obxectivo de coordinar actuacións.
A alcaldesa lembrou que, en todo o relacionado coa loita contra o narcotráfico, a competencia recae no Ministerio do Interior, polo que o Concello seguirá colaborando activamente cos corpos e forzas de seguridade do Estado. Ferreiro lembrou tamén o traballo municipal de inclusión sociolaboral, saúde, educación, vivenda e acción social en colaboración con Acción Familiar Ferrol (AFA). O Concello mantén igualmente activo o convenio con Asfredo, a Asociación Ferrolá de drogodependencias, a través do que se desenvolven programas de apoio social e formativo.
Marián Ferreiro concluíu subliñando que “a seguridade cidadá e o benestar da veciñanza son prioridades para o Concello de Narón, e estas accións reflicten o noso compromiso de traballar coordinadamente con todas as administracións, corpos de seguridade e entidades sociais para protexer e apoiar á cidadanía”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
