San Sadurniño apoia a AGFA do Eume cunha axuda nominativa de 4000€

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente da AGFA do Eume, Ignacio Bellas, asinaron a semana pasada o acordo de colaboración entre o Concello e a entidade para o mantemento da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos durante este 2024.

Foto Ara Bellas

O convenio, que se traduce nunha subvención nominativa de 4.000 euros,  tamén ten entre as súas finalidades continuar promocionando a fruticultura por medio de cursos e outras actividades de dinamización do sector primario.

Segundo se establece no convenio, a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que non prosperen ou que resulten danados por calquera motivo, ademais de levar a cabo os traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.

Por outra banda, o acordo da subvención nominativa tamén recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural -onde se promocionan as castes tradicionais existentes nas comarcas de Ferrol, o Eume e Ortegal-,  a encarga de planificar as visitas ao recinto e a súa colaboración canda a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña para organizar as xornadas anuais «Apostando polo sector primario».

En canto a formación, o acordo tamén comprende a organización dun curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño. Esta acción formativa estase ultimando nestes momentos, coa previsión de abrir as inscricións proximamente.

A axuda nominativa ascende a 4.000 euros, que a entidade percibirá en dúas veces: o 75%  nestes días e o 25% restante cando presente a documentación xustificativa do convenio.

As axudas á plantación de maceiras, até o 17 de outubro

A sinatura do acordo coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume encádrase nas políticas municipais de desenvolvemento da agroecoloxía como sector estratéxico para o territorio. Neste sentido, o Concello tamén subscribiu recentemente un convenio coa Casa do Mel de Goente -xestora do colmear didáctico-, ten en marcha o programa Terra de Vida en colaboración coa Cooperativa Rexenerando, é promotor do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e, ademais, no último pleno tamén aprobou integrarse na rede estatal de municipios pola Agroecoloxía, como aposta decidida pola potenciación da sostenibilidade e a soberanía alimentaria.

Na liña de recuperar capacidade produtiva para atender mercados de proximidade, o Departamento de Desenvolvemento local leva anos traballando en colaboración coa AGFA do Eume e outras entidades na recuperación, estudo e difusión daquelas variedades do país con mellores aptitudes tanto por sabor como polas posibilidades de transformación que ofrecen.

Dúas das variedades con maior potencial son a Ollo mouro e a Príncipe,  ambas obxecto dunha liña de axudas específica para a plantación de pomares que tamén pretende poñer a producir terras infrautilizadas ou en situación de abandono.

As subvencións, dotadas cun orzamento de 10.000 euros, poden solicitarse ate o próximo 17 de outubro e a elas poderán acollerse as novas plantacións que se fagan dentro do territorio de San Sadurniño con superficies comprendidas entre os 1.000 e os 4.000 m² (de 1,9 a 7,8 ferrados). A achega será de 10€ por planta, cun límite máximo de 2.000 euros de subvención.

Lea también

El concello de Mugardos está haciendo las gestiones para atajar el deterioro de la casa natal de Bello Piñeiro

La portavoz de Cultura del Grupo Popular, Carmen Pomar, afirmó este viernes en el Parlamento …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *