Psoe Ferrol reclama que se liciten os proxectos da subvención do Camiño Inglés

O grupo socialista de Ferrol reclama ó alcalde da cidade departamental que «acepte a nova prórroga do Ministerio de Turismo» e “licite dunha vez” os proxectos da subvención do Camiño Inglés. A concelleira Eva Martínez cualifica como “grave erro” que «o goberno do PP de Ferrol amosara na comisión de Fondos Europeos a intención de renunciar á axuda e critica que “en 15 meses non se teña feito nada”»

A edil tamén lamentou que “esta falta total de interese e xestión pode afectar non só ás arcas municipais de Ferrol, que tería que devolver 265.500 e unha posible panalización, senón ás do cinco concellos restantes de xeito que suporía renunciar case a 1.000.000 de euros”

O 30 de setembro remataría a primeira das prórrogas concedidas por Segittur (do Ministerio de Turismo) para a execución do proxectos subvencionados polos fondos Next Generation para a modernización e mellora de conectividade e accesibilidades dos Camiños de Santiago, que no caso do grupo liderado por Ferrol (xunto con Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño e Betanzos), superaba os 900.000 euros para a dixitalización do Camiño Inglés, dos que 265.500 euros ían para a cidade naval, a principal beneficiaria.

E, como denunciou o grupo socialista, a cinco días para o remate dese prazo, o Concello de Ferrol “segue sen ter licitado nin o primeiro dos proxectos contemplados na proposta que fora tramitada no pasado mandato”.

Pero esta situación, denunciada xa en varias ocasións pola formación socialista, «se ten agravada na actualidade porque o Ministerio ten outorgada unha segunda prórroga, ata marzo de 2025», “solicitada, por certo, por parte de municipios doutros proxectos de España, xa que Ferrol, por non facer, non fixo nin o papel para solicitar un maior prazo”.

En base a isto, os socialistas, en boca da concelleira Eva Martínez Montero, esixíu ao goberno municipal de Rey Varela que “acepte esta prórroga, e licite, dunha vez por todas e como líder do grupo de concellos, algún dos proxectos incluidos na proposta aprobada por Segittur a mediados do mes de marzo de 2023”.

Martínez Montero lembrou que as partidas, 265.500 euros no caso de Ferrol, foron ingresados pouco tempo despois da concesión da subvención e que “renunciar ou incumprila pode dar pé non só á devolución dos cartos, senón a unha indemnización, o que deixaría á cidade sen unha serie de actuacións moi relevantes de cara a mellorar o que é o primeiro reclamo turístico da cidade, senón que tamén podería ter consecuencias negativas para as arcas municipais”. “E non só iso, senón que a renuncia o incumprimento de Ferrol pode avocar ao mesmo ao resto de municipios deste grupo, posto que é necesario xustificar o 60% da subvención e sen Ferrol sería moi complicado facelo”, mencionou.

A concelleira socialista rematou dicindo que “fronte ao traballo feito no pasado mandato, coa elaboración das memorias que acompañaron á solicitude do proxecto, e ao avanzado polo interese dalgúns dos municipios implicados, algúns mesmo coa parte técnica dos pregos e as autorizacións xa tramitadas para poder executar os proxectos, Ferrol leva quince meses sen ser quen de avanzar absolutamente nada, non sabemos se por inacción ou por desidia e falta de interese”. “Unha vez máis, asistimos á falta de estratexia turística e de cidade do goberno de Rey Varela”, insitiu Martínez Montero.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …