En canto ás mocións aprobadas no pleno, sobre as manifestacións realizadas dende o PSOE local, o goberno local aclara o seguinte:
Moción PXOM:
O goberno local recordou que o PXOM foi aprobado por unanimidade da corporación local, dispoñendo varios meses antes os grupos da oposición de toda a documentación do citado documento.
O Concello non pode marcar a calificación de solo rústico de uso forestal porque a lei non o contempla así. Dende o goberno local si se aconsellou á veciñanza que presentasen as alegacións co fin de poder revertir a situación.
A vontade do goberno local de solventar esta situación, derivada dunha lei aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2016 e que afecta a máis concellos, queda patente coas reunións mantidas ao respecto, as últimas en Santiago de Compostela o 5 de agosto co equipo redactor e persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a máis recente o pasado día 16 deste mes na delegación da Xunta.
Esta mesma problemática, tal e como recoñeceu a propia Xunta, afecta a outros concellos de Galicia.
Moción Souto Vizoso:
No caso concreto da Souto Vizoso, trátase dun vial que é de titularidade provincial e como tal debe ser a Deputación da Coruña a que asuma os traballos de mantemento e reparación de fochancas. Dende o Concello xa se lle trasladaron en reiteradas ocasións e con informes da Policía Local o mal estado non só dese vial senón tamén doutros da súa titularidade, urxindo a súa reparación.
Lamentar neste caso que unha vez máis o concelleiro socialista queira que sexan os veciños e veciñas de Narón os que teñan que pagar unha actuación que debería arranxar a Deputación da Coruña, en lugar de reclamar á citada administración que asuma as súas competencias.