O BNG de Ferrol demandará no pleno ordinario deste xoves á corporación municipal que rexeite a subida do canon de SOGAMA proposta pola Xunta de Galiza.
Iván Rivas, portavoz do BNG, indicou que «co incremento do 63% do canon acordado pola Xunta de Galiza para 2025 os veciños de Ferrol pasarían a pagar 1,31M de euros máis por incinerar a mesma cantidade de residuos que durante o ano 2023. Un incremento do 63% no recibo do tratamento do lixo que se suma ao 48% xa acordado polo PP de Ferrol nos recibos de abastecemento e saneamento para os próximos meses».
Para o BNG «a esta política destinada a incrementar a presión fiscal sobre a veciñanza sen que isto supoña unha mellora nos servizos hai que engadirlle o descontrol financeiro que existe por parte do PP respecto do cobro do canon de SOGAMA aos ferroláns, se temos en conta que os veciños da cidade pagaron durante o ano 2023, 826.864,78 de euros máis do que realmente SOGAMA facturou ao concello de Ferrol durante ese mesmo ano».
O portavoz nacionalista advertiu que «o actual modelo de xestión dos residuos na cidade é un modelo insostible tanto económicamente como medioambientalmente e que ademais carece do máis mínimo control na súa xestión privada por parte do goberno local».
«Economicamente insostible porque recorrentemente está sometido a subas no seu custe, tal e como aconteceu en 2014 durante o anterior mandato do PP, e como 10 anos despois o mesmo Alcalde pretende reproducir».
«Medioambientalmente insostible porque incinerar residuos sen desenvolver ningún tipo de medida correctora co obxecto de reducir o seu volume atenta contra os máis mínimos principios da sustentabilidade».
«E todo isto sen o máis mínimo control da súa xestión porque resulta inconcibible que a veciñanza de Ferrol este a pagar 0,8M de euros de máis polo servizo de tratamento de residuos sen xustificación algunha e co consentimento do goberno local».
Iván Rivas lembrou ademais que «a actual situación do servizo de recollida e tratamento de lixo na cidade é desde todo punto de vista inaceptable, cunhas ordenanzas fiscais sen actualizar e co servizo máis caro da cidade sen contrato».
Por estas razóns, o portavoz nacionalista, exixiu ao alcalde da cidade «que corrixa a súa política de incremento dos tributos municipais e que deixe de responsabilizar á veciñanza das consecuencias dun modelo de xestión para o tratamento do lixo fracasado».
Por último, instou ao goberno local «a mudar o modelo de xestión do tratamento do lixo a través da xestión municipal dun servizo que deste modo evite desfases económicos como os actuais e que desde unha perspectiva sustentable oriente os esforzos á redución dos volumes xerados mediante procesos compostaxe e reciclaxe reducindo así os custes asociados á incineración».