O VI Festival Internacional de Entes Animados chega á comarca con diversos espectáculos

A sexta edición do Festival Internacional de Entes Animados chega de novo aos concellos da comarca de ferrolterra este mes de setembro. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou a programación no Pazo acompañada de Plamen Dipchikov, director do festival, e os edís de Cultura de Ferrol, Arán López; Fene, Justo Ardá; Valdoviño, Benito Veiga; Neda, Marián Bello; Cabanas, Vanesa Fontán; Miño, Catalina Morado e do presidente da Asociación Veciñal de Canido, Roberto Taboada.

O evento, no que tamén participa o Concello de Ares, forma parte da Red de Festivales Internacionales de Teatro de Títeres y Objetos de Otoño. As representacións desenvolveranse nos centros cívicos sociais da zona rural e colexios entre este venres, día 20 e o vindeiro 29 de setembro.

Trátase de obras de pequeno e mediano formato a cargo de compañías tanto nacionais como internacionais, premiadas por especialistas e recoñecidas polo público, tal e como avanzou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que valorou o feito da colaboración entre administracións para poder levar a cabo este tipo de iniciativas.

As primeiras sesións serán este venres no colexio Eladia Mariño (Cabanas) ás 12:45 horas e no centro cívico social de San Xiao (Narón) -19:00 horas- a cargo da compañía Historioscopio, que representará a peza “Lupus Augustus” e tamén no centro cívico social de Canido (Ferrol) ás 19:00 horas e na Casa da Cultura de Valdoviño ás 12:00 horas, onde se poderá ver a obra “Sopa de Pedra”, da compañía lusa Fío d´Azeite.

A segunda xornada na que se programaron representacións é este mesmo sábado, con dúas propostas en Narón: “Alguma Coisa”, da compañía Fábio Superbi, no centro cívico social de Sedes ás 17:00 horas e “Dom Roberto”, da compañía Fío d´Azeite, no local social da Pombiña ás 20:30 horas. Así mesmo, nesta xornada poderase ver a peza “Lupus Augustus”, de Historioscopio, ás 12:00 horas na entidade veciñal de Anca (Neda) e ás 17:00 horas no local social de Santa Comba de Covas (Ferrol).

O concello de Ares, concretamente o Centro Cultural Outeiro, de Chanteiro, acollerá o espectáculo “Dom Roberto”, da compañía Fío d´Azeite, ás 18:30 horas.

O domingo 22 as sesións de marionetas chegarán a Valdoviño, coa peza “Alguma Coisa”, da agrupación brasileira Fábio Superbi, ás 18:00 horas na zona recreativa do club náutico das Forcadas-Vilaboa e tamén a Miño, en cuxo parque da rúa se poderá ver ás 13:00 horas esa mesma obra. A vindeira semana, o venres 27 poderase ver “A Tourada”, da compañía lusa Caricata Teatro, no centro cívico social de Doso ás 16:30 horas e tamén ese día ás 20:00 horas no local social da SCRD Agarimo de Sillobre (Fene).

Os concellos de Ares e Ferrol acollerán tamén unha das representacións, en ambos casos da peza “Sem pés nem cabeça”, da portuguesa Rui Sousa, na Alianza Aresana ás 20:00 e no local da Cabana 17:30 horas. Outra compañía lusa tomará o relevo o día 28, cando se poderá ver en San Mateo, no centro cívico social, a partir das 16:30 horas, a obra “Sem Pés nem cabeça”, de Rui Sousa, e ás 12:30 horas, no local social da AVV de Pazos, en Ferrol.

O sábado tamén se representará ás 20:00 horas no local social de Limodre, en Fene, a peza “My shadow and me”, da inglesa Drew Colby, Shadowgreapher. Esta última peza de teatro de marionetas programouse para o 29 deste mes no local social do Val, ás 12:00 horas e na Casa da Cultura de Neda ás 18:30 horas, pechando neste concello o ciclo de representacións desta edición do festival.

O director do festival indicou que se trata dunha proposta “co único fin de descentralizar os eventos culturais e de levar unha programación de calidade aos sitios máis alonxados do centro urbán de cada concello”.

Lea también

Ariel Soto Meizoso do Triatlón Ferrol participa no clasificatorio Europeo categoría youth

A proba celebrarase en Xixón, coincidindo co campionato de España militar no cal competirán Isma …