O grupo municipal do PSdG-PSOE denuncia o impacto da suba do canon de Sogama

O Grupo Municipal Socialista de Ferrol manifestou este sábado a súa firme oposición ao incremento do canon que Sogama cobra aos concellos, que pasará de 66 a 108 euros por tonelada a partir de 2025, o que suporá un sobrecusto anual de máis de 1 millón de euros para o concello de Ferrol. Este incremento repercutirá directamente no recibo do lixo que deberán pagar os veciños de Ferrol.

O portavoz socialista criticou que este aumento do canon é resultado dunha mala xestión por parte da Xunta de Galicia e de Sogama, que continúan priorizando a incineración e o vertido de residuos, prácticas obsoletas e penalizadas por unha Directiva europea de 2018. «A Xunta non só non está apostando por un modelo de xestión máis sostible, senón que fai recaer sobre os concellos e os seus cidadáns o custo dunha xestión ineficaz», afirmou o portavoz.

 «Ferrol, que xestiona unhas 25.000 toneladas de residuos anuais, verá
incrementado o custo do canon en máis de 1 millón de euros, pasando de pagar 1.650.000 euros a 2.700.000 euros ao ano. Este aumento desmesurado suporá unha nova suba no recibo do lixo que deberán asumir os ferroláns, ademais de outros incrementos, como o do recibo da auga, que xa está previsto que suba un 40%,» destacou Ángel Mato voceiro do Grupo Socialista.

O Grupo Municipal Socialista quixo tamén aclarar que o incremento do canon non está vinculado a un imposto estatal creado polo Goberno de Pedro Sánchez, como algúns pretenden facer ver, senón que deriva dunha Directiva europea de 2018 que busca penalizar ás administracións que priorizan a queima e o soterramento de residuos no
canto de reciclalos e poñelos en valor. Esta directiva foi transposta á lexislación estatal a través da Lei de Residuos de 2022, e xa se aplica na maioría dos países da Unión Europea.

O Grupo Socialista esixe á Xunta que reconsidere esta decisión e utilice os ingresos que obtén do novo imposto para compensar os custos adicionais que deberán asumir os concellos, en lugar de continuar beneficiando a empresas privadas, que ostentan o 49% das accións de Sogama. Ademais, a oposición socialista en Ferrol propón a creación de plantas de tratamento de residuos de proximidade para reducir os custos de transporte e fomentar unha xestión máis sostible.

Moción no Pleno de setembro

O Grupo Municipal Socialista anunciou que presentará unha moción no pleno do mes de setembro para solicitar medidas que eviten que o impacto desta suba recaia sobre os veciños. «Non podemos permitir que se siga castigando aos cidadáns por unha mala xestión pública», concluíron.

Reproche do Partido Popular de Galicia

O PPdeG reprochou a actitude belixerante dos principais partidos da oposición, BNG e PSdeG, coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) xa que os populares cren que a empresa pública está obrigada a subir o canon que aplica aos concellos debido ao imposto estatal á vertedura e á incineración posto en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez.

Desde o PPdeG lamentan que agora socialistas e nacionalistas protesten ante a subida do canon pero mantivesen silencio ante as decisións do Goberno central. “Preguntámonos onde estaban os socialistas galegos cando o Goberno de Sánchez impoñía o imposto á vertedura e á incineración, a súa enésima taxa, que é o único motivo polo que Sogama vese obrigado a actualizar o canon”, denuncian desde o PPdeG.

Os populares ironizan con que “agora o socialismo galego pregoa unidade para atacar á Xunta” pero “cando se lesionaron os intereses de Galicia, o que mostraron foi deslealdade, como sempre, porque a súa única lealdade é a Pedro Sánchez”. Deste xeito, acusan os socialistas galegos de mentir para esconder a cesión de Sánchez a Europa coa creación do devandito imposto a cambio de salvar a recepción de fondos.

Os populares tamén poñen o foco no BNG, ao que acusan de chamar á “rebelión contra a Xunta” mentres se mantén “sempre manso en Madrid”.

“O nacionalismo rende aquí tamén pleitesía a Sánchez, como se viu durante a tramitación da Lei de residuos que incorpora o imposto que fai inviable manter o canon como ata o de agora”, esgrimen desde o PPdeG, que cren que no Bloque “prefiren utilizar un asunto fundamental para os cidadáns como a recollida de residuos como ariete contra Xunta no canto de poñerse a favor do benestar dos galegos”.

Por todo, desde o PPdeG avanzan que nas próximas semanas levarán esta cuestión aos plenos municipais co obxectivo de obrigar “a retratarse a socialistas e nacionalistas”.
r
 

 

Lea también

La muestra de vehículos de carreras eléctricos abre la semana de la movilidad de Ferrol

El circuito de seguridad vial se traslada al jueves ante la predicción de lluvia para …