A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, presentou na mañá deste luns 2 xunto con Alberto Pena e Anabel Valera, presidente e secretaria respectivamente do Cineclube Serie B, dous novos ciclos de cine que se desenvolverán no Pazo da Cultura entre os meses de setembro e novembro deste ano.
A rexedora local destacou a calidade das películas que se poderán ver, todas elas de balde e con proxeccións ás 20:00 horas dos mércores. Un dos ciclos é de cine de animación, pensado tamén para público adulto.
A primeira das películas que se poderá ver será “Fantástico Sr. Fox” (2009), o día 18 deste mes. Galardoado en multitude de premios da crítica e nominado ao Óscar á mellor película de animación, este filme dirixido por Wes Anderson, está protagonizado por un raposo que parece ter unha vida idílica que ao final non o será tanto.
Este mesmo mes poderase ver, o día 25, “Arrugas”, (2011), dirixida por Ignacio Ferreras e gañadora do Goya á mellor película de animación e mellor guión adaptado. Así mesmo, a película, que estivo nominada a mellor film de animación nos premios do Cine Europeo, baséase na historia de dous anciáns, un deles con principios de alzheimer, que se fan amigos nun xeriátrico.
No mes de outubro proxectaranse outras dúas películas deste ciclo de cine de animación. O día 2 “Psiconautas” (2015) –non recomendada para menores de 16 anos-, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero, gañadora do Goya á mellor película de animación e nominada tamén a mellor film de animación nos premios do Cine Europeo. Dous amigos que loitan por non enfrentarse á situación real na que viven e que confían en atopar un lugar mellor para vivir son os protagonistas deste filme.
A segunda proposta de outubro é “La vida de calabacín” (2016) –a partir de 7 anos-, de Claude Barras. Neste caso estaba nominada ao Óscar e o Globo de Ouro á mellor película de animación e gañou o premio ao mellor film de animación nos premios de Cine Europeo. Un neno Valente, de nome Calabacín, perde á súa nai e terá que experimentar unha complicada situación vivindo nun lugar de acollida.
No mes de outubro comezará tamén o segundo dos ciclos, neste caso sobre cine europeo e con catro proxeccións. O día 30 poderase ver “Anatomía de una caída” (2023), de Justine Triet, e premiada coa Palme d´Or no Festival de Cannes, entre outros recoñecementos internacionais. Unha escritora, o seu home e un fillo cego protagonizan este filme, no que as misteriosas circunstancias da morte do pai do neno centrarán a historia.
En novembro continuará o ciclo de cine europeo o día 6 con “La zona de interés” (2023), de Jonathan Glazer, Óscar á mellor película estranxeira e Gran Premio do Xurado en Cannes. Neste caso a temática xira en torno á vida de ensoño que pretenden construír un comandante e a súa muller nunha casa con xardín preto do campo.
Na xornada do 13 poderase ver “The innocents” (2021), dirixida por Eskil Vogt. A película obtivo unha mención especial no festival de Sitges e estivo nominada a Un certain regard: mellor película no festival de Cannes. As vacacións de verán dunha familia que cambia de domicilio e a adaptación de Ida, unha nena, levarán ao público a descubrir unha serie de poderes que ten a menor xunto cos seus novos amigos.
Finalmente, o día 20 rematará este ciclo con “Dolor y gloria” (2019), do cineasta Pedro Almodóvar. Gañadora de sete Goyas e seis premios Feroz, incluíndo mellor película, nominada ao Óscar, narra unha serie de reencontros na vida de Salvador Mallo, un director de cine no seu ocaso.
Os representantes do Cineclube Serie B destacaron a calidade das películas elixidas para estes ciclos e, xunto coa alcaldesa, animaron á cidadanía a achegarse ao Pazo para desfrutar das diferentes propostas.
Pola súa banda, Marián Ferreiro resaltou “o importante labor que desenvolve o Cineclube Serie B nesta cidade, traballando arreo para poder convocar ao longo do ano diferentes ciclos de cine para que todas e todos poidamos ver unha gran selección de películas, con propostas para persoas de todas as idades”.