Serpes de agosto-(Rubén Gasalla)

Rubén Gasalla

Agosto, o mes do deserto informativo. A sección de política, departamento estrela durante o resto do ano, vese na obriga de buscar novas debaixo das pedras ante as vacacións de parlamentarias, ministros e alcaldes. As seccións de deportes tentan vivir das rendas dos Xogos Olímpicos, ou do evento deportivo que tocase ese ano, e as de sociedade e cultura sempre poden botar man do turismo. As seccións locais son as únicas afortunadas.

O meu verán na delegación coruñesa dun xornal estivo cheo de viaxes de barrio en barrio para facer fotos de toda canta comisión de festas ou concurso de tapas houbera, traballo moi ben recompensado pola coñecida hospitalidade gastronómica galega. O caso é que hai que encher páxinas e as festas son os únicos eventos que proliferan nas comarcas.

Por desgraza, os medios estatais non acostuman a conformarse con cubrir festas locais ou concursos de tapas. Tampouco consideran apropiado embarcarse nunha enciclopedia rural de curiosidades coma a que a TVG leva anos desenvolvendo, sen dúbida estimulada polo ruidoso silencio que deben manter sobre narcopresidentes da Xunta, sobrecustos en hospitais e macrocelulosas. Por desgraza, dicía, os medios estatais consideran máis proveitoso para ilustración dun público suorento documentar con toda clase de detalles cada un dos crimes que entran no seu radar. Os inquilinos das tertulias, as presentadoras multipropietarias e os locutores de voz moi seria celebran con comedimento cada ferida de arma branca e cada asasinato, a poder ser dalgún neno que teña unha historia emotiva coa que encher horas de programación ou páxinas con fotos a cor. Xa sabedes, desas historias que nos fan pechar con forza os puños e fantasiar cun linchamento colectivo do criminal, esas historias que son o reverso morboso das “serpes de verán”, como se lles chama ás novas que enchen o baleiro informativo do estío. 

Ace in the hole (Billy Wilder, 1951)

O problema desas coberturas morbosas, das que xa advertía Billy Wilder no 1951, é que se modulan hoxe como algo moi perigoso. En non perigoso polo seu mal gusto, ao que a prensa nos ten acostumados, senón polo marco discursivo no que se integran. Logo do decaemento das exaxeradas historias de okupación, porque o aburrimento é máis potente ca o contraste cos datos reais; un novo tema preside a programación de case tódolos medios. Imaxino que xa o adiviñariades: o tan cacarexado “problema da emigración”. Esta noxenta unión de termos -que tería que soar incómoda nunha sociedade tradicionalmente emigrante coma a nosa- rebordou xa as fronteiras dos grupos orgullosamente racistas para integrarse na gramática de forzas que se ven a si mesmas como progresistas. 

Unha vez xerado un clima no que inmigración e “perigo social” se fan equivalentes, no que se vincula islamismo radical e cor de pel e no que se fala dunha “guerra civil” permanente -concepto que se encargou de difundir o profeta neocon Elon Musk; tan só hai que agardar que un suceso lutuoso conmocione á poboación para ver como neonazis desacomplexados, ou “cidadáns preocupados” segundo eles mesmos, comecen a súa cruzada xenófoba. Vímolo fai unhas semanas en Inglaterra, vémolo estes días en Alemaña na véspera de eleccións rexionais e verémolo cada vez con maior intensidade nunha dereita española que chegou con certo retardo á refascistización desta internacional reaccionaria.

E así foi como, logo de meses emitindo imaxes diarias de chegadas de migrantes africanos e de explotar ao máximo a guerra intestina nos gobernos do PP-VOX ao redor da distribución autonómica dos acollidos, os bufóns axitadores da extrema dereita agardaban con ansia algún crime que instrumentalizar para desatar o pogromo. E chegou Mocejón. Un neno, ademais. Os medios tiráronse como cans famentos sobre o sangue fresco: agosto estaba salvado. Ducias de contas con bandeiras de España encheron X de mensaxes co xa clásico: “seguro que el asesino no come jamón” e o infecto Vito Quiles non tardou en sinalar unha casa de acollida de menores estranxeiros na contorna. Por sorte, ou quizais porque unhas temperaturas tan elevadas disuaden a calquera turba por fascista que esta sexa, a reacción non se deu de inmediato e houbo tempo para que se publicara a información real sobre o asasino: tratábase dun rapaz español. A xogada foi tan lamentable que estes neonazis peninsulares tiveron que darlle a volta ao discurso e atacar ao propio portavoz da familia cando este pediu que parase o discurso racista. Quiles, coma no final de tempada dunha mediocre e excesivamente longa sitcom, publicou logo disto a súa vontade de abandonar por uns días as redes. 

Mais que o final fose tan distinto ao das agresións racistas en Inglaterra, onde si chegaron a incendiar un hotel de acollida de refuxiados ante a inacción da policía, e que esta burbulla fascista estourase dun xeito tan ridículo non debe tranquilizarnos excesivamente. Que non se me entenda mal, son o primeiro que desfruta cada vez que vexo a un destes patriotas esconder a cabeza debaixo da terra logo de ser collidos nun bulo. Mais temos que ser conscientes de que esta foi unha pequena batalla gañada no seo dunha longa guerra contra o racismo. Guerra na que, para os que cremos que a violencia non emerxe da migración senón da exclusión socioeconómica, toda praza que consigamos manter será sempre dun xeito precario. Se non se produciu unha vaga de linchamentos racistas coma en Inglaterra non foi por termos unha sociedade máis aberta, senón por como a rápida detención do suposto asasino desactivou a bomba. E desactivouse porque este era, sendo claros, branco e español. Mais temos que pensar: que tería pasado se non o fose? Que tería pasado se o asasino fose efectivamente magrebí? Como entón conter a sede de vinganza patrioteira? Mentres esta guerra se libre no seu terreo, no seu marco da inmigración como perigo e da dicotomía nacional-estranxeiro como explicación sinxela dos moi reais problemas de estabilidade económica contemporáneos, poderemos conseguir non retroceder, mais esquezamos a posibilidade de avanzar. Sinalar a verdadeira fonte desa inseguridade social e persoal no desmantelamento neoliberal dos contrapesos públicos ás inercias do mercado: o despece da sanidade e da educación públicas, a falta dun control ao problema da vivenda e a ausencia de seguridade no mercado laboral. Mais este, o da batalla polo relato, é outro asunto. Agardemos mentres por setembro.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …