Fene reforza o seu apoio ao Festival Felicia Pop

A concelleira de Servizos de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, visitaron o Parque da Hortiña de Limodre para supervisar os traballos de montaxe do Festival Felicia Pop, que terá lugar este venres e sábado.

Un evento no que o Concello de Fene participa activamente, achegando unha subvención nominativa de 11.000 euros e cubrindo diversas necesidades operativas a través da área de Servizos, especialmente no relativo a limpeza e seguridade. Ademais, o Concello financia a participación do grupo Ataque Escampe, que actuará na sesión vermú do sábado ás 13.30h con entrada de balde.

O concelleiro de Cultura, Justo Ardá, destacou a importancia que o festival ten para Fene. “O Felicia Pop é unha oportunidade para que o noso concello sexa un referente cultural na nosa comarca”, salientou Ardá, quen tamén quixo remarcar “o compromiso do Concello de Fene para apoiar e promove iniciativas que dinamizan a vida cultural da nosa veciñanza e atraen visitantes de toda a xeografía galega”.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos, Sandra Permuy, fixo fincapé no reforzo na área que dirixe “para que todas as asistentes poidan gozar do Felicia Pop nun entorno seguro”, e destacou que durante toda a semana o persoal municipal estivo a colaborar coa organización do festival. “Colocáronse valados de seguridade, colectores de lixo, instalacións eléctricas e de auga, e tamén se levarán a cabo labores extraordinarias de limpeza na fin de semana”, concluíu Permuy.

Programación do Felicia Pop 2024

A programación do Felicia Pop 2024 inclúe actuacións de recoñecidas bandas nacionais e internacionais. Así o destacou esta mañá o director artístico do festival, César Alonso, no encontro coas concelleiras. “Na edición deste ano contamos con dous grupos holandeses, un inglés, e tamén varios grupos que cantan en galego”. Alonso tivo tamén palabras de agradecemento para o Concello de Fene “sen cuxa colaboración  e implicación non sería posíbel celebrar o evento”.

O festival iníciase este venres con máis de 400 entradas distribuídas na prevenda e coas actuacións de Helen & Shanna ás 21:10h; Thee Blind Crows ás 22:10h; Boston Babies ás 23:20h; Fruit Tones ás 00:30h e Doctor Explosion ás 02:10h. Mañá sábado, o escenario tomarao Lorre ás 21:10h; Meu ás 22:10h; Fleur ás 23:20h; La Perra Blanco ás 00:35h e The Tambles ás 02:05h.

Tras un período de venta anticipada na Internet, as entradas ao Felicia Pop poderán adquirirse no despacho de billetes do festival. O abono dos dous días ten un prezo de 30 €, mentres que as entradas por día custan 20 €.

Lea también

‘Impacto de los perros sobre las aves acuáticas que hacen uso del ecosistema playa’, este viernes 21 en la SGHN de Ferrol

  La Delegación de Ferrol de la Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN  ha organizado una nueva …