O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación do proxecto de rexeneración da praia da Madalena de Cedeira, cun orzamento de 2.238.779,14€ (IVE incluído).
O concurso artéllase a través da Dirección Xeral de Costa e o Mar e as empresas teñen ata o vindeiro 3 de setembro para presentar ofertas.
Desde o Concello de Cedeira, o alcalde Diego Pablo Moreda Gil, expresou a satisfacción do goberno municipal por ter feito realidade a posta en marcha desta ambiciosa actuación coa que se prevé dar unha resposta definitiva aos desequilibrios que sofre desde hai anoso areal da localidade.
Tal como se anunciara a finais do pasado ano, cúmprese a previsión de deixar pasar o verán, época de maior afluencia á praia, para acometer despois os traballos. “Actuacións na morfoloxíada praia da Madalena” é o título do proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses.
A intervención inclúe a construción dun espigón de 77 metros que servirá para asegurar a estabilidadeda liña de costa fronte aos fenómenos erosivos, acabando co desprazamento do sistema dunar. A zona da praia será repoboada con vexetación autóctona que virá conservar a potenciar a diversidade deste espazo e os colindantes, incluída a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira. Tamén mellorarase o encauzamento da desembocadura do río Condomiñas e do regato da Veiga.
Os problemas na praia da Madalena veñen de finais dos anos noventa e a intervención que agora se vai acometer comenzou a perfilarse no mandato do PSOE e o BNG de 2015 a 2019. Desde aquela foron cumpríndose diferentes fitos. Así, en febreiro de 2019 saíu a licitación a redacción do proxecto e o estudio de impacto ambiental, que se someteron a exposición pública en 2021.
A pandemia ralentizou o proceso e foi xa en abril de 2023 cando o Ministerio publicou a declaraciónde impacto ambiental, quedando pendente só a contratación da obra que se publica agora.
Cómpre recordar que o mesmo Ministerio de Transición Ecolóxica executara no ano 2022, cun orzamento de 340.600€, a recuperación das cetarias do Sarridal, que se ten incorporado así aos recursos turísticos da localidade.