As Pontes destina 64.000€ á creación de empresas

O Concello, desde o ano 2015, destinou 311.773 euros á creación de empresas através do programa “As Pontes Emprende”.  Estas achegas permitiron apoiar a 115 proxectos emprendedores

O Concello de As Pontes destinará 64.000 euros ás achegas para a creación de empresas, a través dunha nova edición do programa “As Pontes Emprende” destinado a fomentar a actividade empresarial, contribuíndo deste xeito á xeración de emprego no ámbito municipal do Concello das Pontes.

A décima edición deste programa, posta en marcha no ano 2015, ten como obxectivo prioritario fomentar a actividade económica, incentivar a creación de novos proxectos empresariais e dinamizar a pequena e media empresa e ás persoas autónomas, ofrecéndolles un apoio para que poidan afrontar o reto de establecerse como traballadores por conta propia ou o da posta en marcha dun proxecto empresarial

Esta achega súmase aos 311.773 euros destinados nas edicións anteriores e que permitiron apoiar a 115 proxectos emprendedores e xerar máis dun centenar e medio de postos de  traballo en sectores como o da agricultura ecolóxica, o comercio, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou servizos profesionais.

Ana Pena, responsable de Industria e Emprego no Concello das Pontes, apunta que “con esta nova convocatoria, amosamos, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa actividade emprendedora do municipio, adoptando, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños”

Así mesmo, a concelleira fixo fincapé na importancia das persoas emprendedoras na economía local: “son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e son xeradores de centos de postos de traballo”.

O programa As Pontes Emprende contempla dúas liñas de actuación, ambas cun importe máximo de 2.000 euros. A liña Impúlsate está destinada a sufragar os gastos de alugueiro mentres que a través da liña Instálate cubriranse os gastos de inmobilizado material e inversión na adecuación de locais para a posta en marcha da actividade.

As bases para solicitar estas axudas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia 137 con data 17 de xullo de 2024 na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes http://concello.aspontes.org/

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …