Os socialistas afirman que Rey Varela licitou o servizo de SAF pola porta de atrás para agochar o seu «desleixo» e «total incoherencia»
O grupo municipal socialista denuncia «o que vén de acontecer esta semana co servizo de axuda no fogar, licitado pola xunta de goberno local pola «porta de atrás» e case tratando de pasar desapercibido «cando se trata dun servizo de máis de trece millóns de euros».
«Para o GMS, trátase dun asunto de “extrema gravidade”, tanto en sí mesmo como polas consecuencias que tivo, e puido ter, durante o pasado mandato con este servizo especialmente sensible».
Así, a concelleira Eva Martínez, anterior responsable de Benestar Social, acusou ao PP de Rey Varela «de ter aplicado no anterior mandato unha estratexia “burda”, pero de importante impacto, coa tramitación e posterior aplicación do contrato de axuda no fogar, que, como se lembrará, saíra entón adiante grazas a que no pleno no que se sometera a votación, o PP tiña un concelleiro menos e o seu rexeitamento non foi suficiente para tumbar un contrato co que se foi quen de atender un servizo ata o día de hoxe».
“Non só votaron en contra en pleno, senón que anteriormente trataron de boicotear e ralentizar a súa tramitación, pedindo o prego para facer achegas en reiteradas ocasións e, o máis importante, presentando un recurso que paralizou meses o proceso e que, por sorte, non foi aceptado polo tribunal de contratación”, destacou Martínez Montero
A edil engadiu que, despois disto, “primeiro, asistimos hai xa case dous meses, a unha comisión surrealista, na que se levaba na orde do día dar conta do novo prego técnico, e na que, ademais de non entregar copia do mesmo nin acceso ao mesmo, se nos indicou, sen ningún tipo de rubor, que o que fora motivo dese voto en contra e dese recurso, que o contrato se dividira en lotes, xa non é válido e presentan un prego co mesmo único lote que presentaramos nós e que é o que está en vigor»
«E agora -engadiu- aprobando ás agachadas, en xunta de goberno extraordinaria, sen publicitar previamente e nas vacacións da concelleira da área, á licitación do contrato”.
Como dixo a edil socialista, “máis aló de saudar, polo que vai supor para o bo funcionamento do servizo, que o Partido Popular teña mudado a súa opinión e agora defenda o mesmo modelo de contrato que nós, pensamos que o que fixo o equipo de Rey Varela ao longo do pasado mandato foi gravísimo e supera todos os límites da desvergoña”.
“O que pasou co SAF, tratando de boicotear o servizo co contrato e logo co asunto do responsable do contrato, que xa hai meses denunciamos que resolveron poñendo á mesma persoa que nós propuxemos a pleno e nos tumbaron co seu voto en contra, exemplifica o modus operandi do PP para chegar ás institución: canto peor mellor e vota en contra de todo, que xa cando estemos faremos o mesmo”, afirmou Eva Martínez
“Isto é especialmente grave cando estamos a falar dun servizo como é o de axuda no fogar, que atende a máis de 400 maiores dependentes de Ferrol e que nun dubidaron en poñer en perigo por intereses electorais”. “isto é o que lle importa a Rey Varela a xente maior”, asegurou.