Pontedeume presenta en Santiago o proxecto «Vila do Libro»

Pontedeume acolle os días 23, 24 e 25 de agosto a primeira cita galega de ‘Vila do Libro’. Esta semana Santiago de Compostela acolleu a presentación da iniciativa, herdeira do exitoso proxecto catalá Vila del Llibre y la Xarxa.

Na presentación da iniciativa, na librería Couceiro de Santiago de Compostela, participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta; Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e deputado provincial; Alejandra Bellón, concelleira de Cultura de Pontedeume, e Enric Bono, promotor da iniciativa.

O alcalde de Pontedeume resaltou “a satisfacción de que o noso concello sexa a primeira Vila do Libro de Galicia, polo que seremos a capital galega do libro e da lectura no mes de agosto”.

“Estamos moi ilusionados con este evento, que nace da vocación que temos por un turismo cultural, sostible e innovador”, engadiu Bernardo Fernández, que agradeceu “o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta”.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo manifestou que “desde a Xunta queremos apoiar todas as iniciativas de dinamización do libro e da lectura, como é o caso deste proxecto Vila do Libro de Pontedeume”.

Alejandra Bellón amosou o seu desexo de que “nesta Vila do Libro a xente vexa representada a nosa identidade, a identidade do tecido asociativo e cultural de Pontedeume”, e Enric Bono destacou “a importancia de poñer en valor todos os oficios que forman parte da cultura de mundo do libro”.

Os Oficios do Libro

‘Vila do Libro’ pon en valor nos seus eventos os distintos oficios asociados ao mundo do libro. Por iso, a continuación da presentación, celebrouse unha mesa redonda sobre os oficios do libro. Nela participaron o director de Edicións Embora, Miguel Toval; o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor; e Enric Bono, promotor cultural.

Lea también

As Pontes destina 220.000€ ás entidades culturais do municipio

O Concello das Pontes destinará 220.000 euros ás achegas para as entidades culturais do municipio …