A Deputación da Coruña convoca os municipios para detallar as novas axudas destinadas a patrimonio cultural

Os concellos poden facer as solicitudes até o 21 de xaneiro de 2026 e a subvención máxima pode chegar aos 150.000 euros.

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, mantivo este xoves un encontro cos representantes dos gobernos municipais da provincia para presentar e explicar a nova liña de subvencións destinada a actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal. Na reunión, que contou tamén coa presenza do xefe de Servizo de Arquitectura, Daniel Beiras, e do xefe de Departamento de Patrimonio, Fernando Pérez, resolvéronse dúbidas dos concellos sobre o programa DP0045/2026, que conta cun orzamento dun millón de euros, ampliable até os dous millóns.

Esta liña de subvencións, aprobada mediante resolución de Presidencia e publicada no BOP o pasado 15 de outubro, está dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña e ten como obxectivo a protección, recuperación e conservación do patrimonio histórico-artístico e cultural municipal.

Entre os aspectos salientados da convocatoria, a Deputación indicou que as actuacións poderán recibir unha subvención máxima de até 150.000 euros e cubrir até o 80% do orzamento de gastos subvencionables, sempre que o investimento mínimo acade os 30.000 euros. O período de execución previsto abranguerá do 1 de xaneiro de 2026 ao 30 de xuño de 2027.

Penas explicou que se poderán acoller a este programa as intervencións en espazos públicos e inmobles con valor histórico-artístico, cultural, tipolóxico ou etnográfico declarados BIC ou catalogados, así como en centros urbanos históricos tamén declarados BIC. Inclúense ademais actuacións sobre elementos de enxeñaría como pontes, pontellas ou camiños, sobre patrimonio marítimo —como peiraos, carpintarías de ribeira, salgadurías ou secadoiros— e sobre xacementos arqueolóxicos que incorporen accións de sinalética ou musealización.

As solicitudes serán avaliadas en concorrencia competitiva por un comité técnico composto por tres expertos en patrimonio, arquitectura e rehabilitación. Teranse en conta a relevancia e singularidade do patrimonio, a urxencia e o estado dos danos, a calidade da proposta técnica e a repercusión prevista da actuación. Para obter a condición de entidade beneficiaria será necesario acadar un mínimo de 50 puntos.

Durante o encontro, o deputado subliñou “a necesidade de actuar de xeito inmediato coa utilización de recursos suficientes para protexer e conservar adecuadamente o extraordinario patrimonio cultural da provincia da Coruña”, e expresou a preocupación da Deputación “pola situación de determinados bens que deben ser obxecto de protección inmediata”. Os concellos interesados poden presentar varias solicitudes individuais por actuación, realizando toda a tramitación a través da plataforma SUBTEL.

Lea también

A Deputación da Coruña prorroga o programa MercaNaVila debido á gran acollida

O éxito da iniciativa supera as previsións: as vendas xa superan os 9,6 millóns de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *