Proseguen en Ares as xornadas «Días de Mar» da Agrupación Instrutiva de Caamouco

Nesta xornada do sábado tocoulle o turno o showcooking de picachara ofrecido polo cociñeiro José Luís Pereira. Na actividade participou unha vintena de persoas, o total das prazas ofertadas. Con ela a Agrupación dá o pistoletazo de saída a unhas xornadas que se prolongarán ata o venres que vén, como antesala da XVIII Festa da Cabria do sábado 3 de agosto.

Foto-Agrupación Instrutiva de Caamouco

Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares) segue reforzando a súa aposta polas actividades a prol da recuperación das tradicións mariñeiras da zona. A entidade organiza por segundo ano consecutivo as xornadas ‘Días de mar’, cunha programación que multiplica a súa oferta respecto do ano pasado.

As propostas que se inclúen neste programa, iniciáronse onte venres e están centradas na difusión da cultura mariñeira e serven de gran antesala da Festa da Cabria.

A picachara, un guiso mariñeiro a base de sardiñas ou parrochas presente nas mesas de xeracións e xeracións de veciños de Caamouco e do resto da comarca de Ferrolterra.

‘Días de mar’ inclúe nesta segunda edición grandes novidades que buscan facer as xornadas máis atractivas para o público xeral. Así, incorpóranse dúas propostas gastronómicas, unha actuación poético-musical ou un obradoiro infantil; Todo iso mantendo o seu espírito divulgativo, con conferencias, presentacións ou exposicións de gran interese.

Foto-Agrupación Instrutiva de Caamouco

Outra das novidades deste ano é que ‘Días de mar’ contará con dous espazos. Máis alá da sede da Agrupación, onde se desenvolverá o groso da programación, a entidade ofrecerá ao público a oportunidade de visitar o Alboio da praia de Areamorta, de titularidade municipal, grazas a un acordo co Concello de Ares. Nese espazo tamén se instalará unha das mostras que forman parte este ano do cartel.

En concreto, no Alboio de Areamorta poderase visitar a exposición ‘Cultura oceánica’, promovida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Estará dispoñible ata o 2 de agosto, en horario de 12 a 14 horas.

Tamén entre esas datas poderanse visitar na sede da Agrupación Instrutiva outras dúas mostras, ‘Un mar de lendas‘, deseñada pola Agrupación, e ‘Compañeiras do mar e do ceo’, impulsada tamén polo CEIDA. Neste caso o horario de visitas será de 19 a 21 horas.

Este domingo 28 de xullo será outra das xornadas destacadas na programación de ‘Días de mar’. Pola mañá celebrase o obradoiro infantil ‘Facemos a nosa propia cabria!‘. Unha actividade para a que é precisa inscrición previa no 680 16 19 29 (prazo socios dende o 15 de xullo / non socios dende o 22). Esa mesma mañá organizarase tamén unha visita á sección de Ambiente Mariño ao Museo de Historia Natural de Ferrol. O día rematará coa proxección do documental ‘Carpintería de ribeira. Fasquiando o Futuro’ e coloquio con membros da Asociación Galega de Carpinteria de Ribeira.

O resto da programación complétase con diferentes conferencias, comezando o martes 30 de xullo ás 19.30 por ‘Historia das radiocomunicacións no mar’, impartida por Nazario Lledó, Oficial Radioelectrónico da Marina Mercante e veciño de Caamouco. Ao día seguinte, o mércores 31 ás 19.30 horas, Sergio París, técnico do CEIDA, ofrecerá a conferencia ‘Aves mariñas da ría de Ares e do Golfo Ártabro’.

Entre tanto, o xoves 1 de agosto ás 19.30 horas, será o investigador Xabier Brisset o que se achegue á Agrupación coa súa conferencia ‘ A sabiduría das ribeiras pescadoras e o santuario Ártabro’. A programación remata o venres 2 de agosto ás 19.30 horas coa presentación do número 16 de ‘Nova Ardesía’ da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

Festa da Cabria
Coas xornadas ‘Días de mar‘ a Agrupación Instrutiva busca ir abrindo boca para un dos seus eventos máis importantes, a Festa da Cabria. Este ano celebrarase o 3 de agosto, con novidades na súa programación. A cita vai incorporar novos obradoiros e tamén unha visita guiada ao Alboio de Areamorta, grazas á colaboración do Concello de Ares. A edición deste ano,  incluirá tamén unha interesante parte musical, cun concerto de fin de festa do grupo Encrucillada.

Lea también

Cientos de palilleiras de toda Galicia se dan cita en Neda en la tradicional xuntanza

Cerca de 400 palilleiras está previsto que participen este sábado 8 en la 19ª Xuntanza …