Psoe Ferrol realiza un rogo sobre o festival Ilustrado

O grupo municipal socialista de Ferrol afirma que «a relevancia do período da Ilustración na configuración da nosa cidade e, de forma específica, do barrio da Magdalena, queda fóra de toda dúbida».

«Precisamente por iso e porque a día de hoxe a impronta do século XVIII segue case invariable tanto na configuración deste barrio e do seu Arsenal e porto, Ferrol leva traballando dende hai 24 anos na candidatura de declaración do seu patrimonio ilustrado como Patrimonio Mundial por parte da Unesco».

«Seguindo os criterios da Unesco, a candidatura non só debe contar cun expediente que xustifique esta declaración e que contemple un plan de usos e de mantemento dos bens en cuestión, senón que arredor dos mesmos debe artellarse unha serie de actividades culturais vencelladas cun apoio e participación cidadá que complemente o patrimonio histórico».

«No caso de Ferrol, no pasado mandato decidiuse dar un pulo á candidatura, entendendo que a mesma non só constitúe unha oportunidade para manter ou mesmo recuperar e poñer en valor o noso patrimonio, senón tamén para xerar riqueza para os sectores máis vencellados co turismo».

«Pero, ademais, deuse un importante paso adiante noutro dos criterios especialmente valorados pola Unesco: o de acadar o apoio cidadán á candidatura, comezando por dar a coñecer e nenos e maiores o que é e supón a proposta na que se leva tanto tempo traballando, e apoiando e impulsando actividades dirixidas a potenciar estes aspectos».

«Unha destas iniciativas foi o Festival Ilustrado, deseñado hai catro anos por un centro de iniciativas turísticas da cidade, e que contou o primeiro ano co apoio do Concello, para erixirse en organizador a partires da súa segunda edición».

«Nestes catro anos, e malia as dificultades e limitación do inicio pola postpandemia, o festival foi dando pasos de xigante en implicación cidadá, sendo a edición do pasado ano a máis destacada polo nñumero de persoas caracterizadas, actividades promovidas como a do obradoiro de elaboración de traxes de época, pero sobre todo pola participación dos centros de ensino, tanto no acto celebrado na praza de Armas para apoiar a candidatura, como nas actividades do propio festival por parte de centro de FP de Ferrol».

«Neste primeiro ano de mandato estamos a asistir a unha deixación do relativo á candidatura, comezando polo propio expediente, que quedara rematado baixo a tutela do prestixioso experto en patrimonio militar internacional Alfredo Conti, e pasando polas actividades como obradoiros e visitas para escolares ou o Congreso sobre patrimonio, que xa se celebrara en dúas edicións».

«O Festival Ilustrado, despois de que este grupo municipal o pedira por activa e por pasiva, finalmente foi celebrado, coa destacada participación de entidades e a cesión da sala de Armas pola Armada, que deu a calidade que se perdeu pola participación de menos centros escolares no
acto da praza de Armas e o feito de que se organizase con tan pouco tempo e menos recursos que nas edicións anteriores».

«Este grupo municipal segue pensando que este Festival, como o resto de actividades enmarcadas neste eido, constitúen unha oportunidade cultural, patrimonial e económica para Ferrol, que ademais iniciara o pasado ano unha serie de contactos con outras cidades con patrimonio ilustrado para crear a Rede Española de Cidades Ilustradas, e por iso, presenta o seguinte ROGO»:

«Que o goberno municipal inicie de forma inmediata a organización da vindeira edición do Festival Ilustrado de Ferrol, buscando investimentos para que esta festa conte coa participación de todos os barrios da cidade, facilite a elaboración de traxes para a cidadanía que teña interese en participar e acade a participación de todos os centros de ensino da cidade».

«Que o goberno municipal inicie o expediente para a declaración do Festival Ilustrado como festa de interese turístico rexional, posto que xa conta dos requisitos que se establecen para poder recibirdito recoñecemento, de modo que se convirta nunha cita turístico-cultural de primeiro nivel».

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …