Inscrición en San Sadurniño de postos na XV Feira Rural

A Feira Rural de San Sadurniño converteuse nun referente para a promoción do medio rural como un medio vivo e con futuro. O sábado 31 de agosto celebrarase ao pé do paseo fluvial do Xubia a 15ª edición, que volverá combinar mercado da terra, concurso de froita, exposicións e unha chea de propostas paralelas para todas as idades que buscan iso, mostrar as oportunidades de desenvolvemento vencelladas ao agro e o medio ambiente.

Os expositores interesadas en asistir teñen ata o 23 de agosto para presentar as súas solicitudes.

A superficie máxima que se pode pedir son 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas en 10€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 20€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 30€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo.

As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude. As anteriores cotas incrementaranse en 5 euros máis se se solicita unha toma de electricidade, independentemente da superficie.

As peticións, coma sempre, teñen que cursarse cubrindo o formulario normalizado que proporciona o Concello, onde tamén figuran unhas pequenas normas de participación na feira, como por exemplo o horario de entrada no recinto, a obriga de ter o posto montado ata polo menos as 19:30h ou o requisito de garantir tanto a hixiene como a recollida dos refugallos que xere cada actividade.

As solicitudes poden achegarse por calquera das seguintes vías: presencialmente no Rexistro do Concello ou na Casa da Cultura -en horario de mañá de luns a venres-,  na Sede electrónica municipal, ou ben mandándoo por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”. Recordan que o último día de prazo é o 23 de agosto.

O listado de postos admitidos publicarase o 26 de agosto na web municipal.

A partir dese momento os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda. Os importes que toquen en cada caso -segundo a superficie e se se pide ou non punto de electricidade- poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural” e o nome da persoa responsable do posto.

Para acceder ao recinto na mañá do sábado 31 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.

Se se precisa máis información pódese contactar co departamento de Desenvolvemento local a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar en horario de mañá de luns a venres ao 616 332 919.

Folla de solicitude (presentación ata o 23 de agosto)
Folla de autoliquidación da taxa (unha vez que se confirme a admisión)

Lea también

Neda restablece el suministro de agua en todo el municipio, pero no descarta nuevas interrupciones si persiste la sequía

Los trabajos realizados por Veolia para aumentar la entrada de agua procedente del embalse de …