Medio milleiro de persoas acuden en Narón á Festa gastronómica do Pemento do Couto

A parroquia do Couto, Narón, acolleu este domingo 14 unha nova edición, a vixésimo cuarta, da XXIV Festa gastronómica do Pemento do Couto. Cociñáronse para a ocasión uns 200 quilos de pementos do Couto, que os comensais degustaron con churrasco e cachelos ao mediodía na zona da carballeira localizada nas inmediacións do local social da parroquia.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a edil de Festas, Mar Gómez, entre outros representantes da corporación local, acudiron á convocatoria, que reuniu a medio milleiro de  veciños de Narón e tamén doutros concellos na degustación gastronómica.

O programa da xornada deu comezo ás 13:00 horas, coa tradicional lectura do pregón. Un dos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Francisco Pico, foi o encargado de presentar o acto, recordando a calidade dos pementos do Couto, recoñecida dende o ano 2010 coa Indicación Xeográfica Protexida coa que se comercializa.

Pico destacou o labor dos produtores “que fan que poidamos desfrutar destes saborosos pementos na tempada de verán” antes de dar paso ao pregoeiro, o xornalista e caricaturista Siro López. Foi o propio Siro o encargado de recordar a historia do pemento en xeral e do do Couto en particular, dende a súa chegada de América ata que Fray Martín Sarmiento os probou no Couto por primeira vez cociñados polo seu amigo Felipe Colmenero.

“A cor verde representa a esperanza, a sensación de equilibrio e seguridade emocional, é relaxante… e os pementos do Couto son verdes, saborosísimos e non pican porque diso se encargou Felipe Colmenero, actuando sobre as plantas e tamén coa maxia dos rezos no mosteiro do Couto”, asegurou.

López recoñeceu, ao remate da súa intervención, que era un orgullo para el ser o pregoeiro desta edición da festa.

A continuación, Francisco Pico agradeceu as palabras do pregoeiro antes de que o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, entregase a López un agasallo en nome da organización.

Finalmente, Pico cedeulle a palabra á edil de Festas, Mar Gómez, que agradeceu a implicación ano tras ano da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, da Asociación de Veciños do Couto, da Cooperativa do Val e da Cooperativa Agroflor para poder manter esta festa gastronómica na parroquia, á que desexou moitos máis anos de vida.

Rematado o acto institucional todos os asistentes dirixíronse á zona da carballeira para participar na xornada gastronómica e, a media tarde, dunha sesión de baile amenizada por Jorge Latino.

Lea también

El Valdetires Ferrol cierra este 2025 este sábado en Esteiro ante Ourense Ontime “B”

Última función de este 2025 para el Valdetires Ferrol y lo hará este sábado en …