A acción enmárcase dentro do programa de incubación artificial de ovos e cría de polos non voandeiros que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou este mércores na solta de 12 exemplares de píllara das dunas na praia de Esmelle. Nesta acción, enmarcada no plan de recuperación desta especie promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Esta acción intégrase dentro do programa de conservación de incubación artificial de ovos e cría de polos non voandeiros como unha medida prevista no plan de conservación para incrementar o éxito reprodutor desta especie, programa que se vén desenvolvendo no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros coa fin de aumentar o éxito reprodutor destas aves.
De feito, no centro coruñés criáronse este ano 34 polos de píllara. Coa solta de hoxe en Esmelle téñense liberado 20 exemplares e o resto soltaranse nos vindeiros meses. A delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor este programa da Xunta enmarcado no plan de recuperación desta especie e difundir o proxecto Iberalex, no marco do Programa EP-Interreg VA España-Portugal (Poctep) 2021-2027.
Esta iniciativa supón un paso máis no compromiso de Galicia con esta especie e unha oportunidade máis na conservación das praias e zonas húmidas da comunidade.
O Executivo galego avanza así en accións responsables coas que mellorar o estado de conservación da píllara das dunas compatibilizándoo cos usos humanos recreativos e extractivos nun escenario de cambio climático, o que tamén contribuirá á conservación doutras especies de fauna e flora dependentes do ecosistema das praias e zonas húmidas supralitorais e continentais. Neste sentido, agradeceu o traballo do persoal técnico da Consellería, vixiantes e axentes medioambientais así como do persoal dos centros de recuperación de fauna silvestre e da Universidade de Santiago de Compostela pola súa implicación e dedicación neste proxecto “pois son fundamentais para preservar a biodiversidade galega”.
Aneiros lembrou que este programa de incubación artificial de ovos e cría de polos acompáñase de labores de seguimento e de protección dos niños mediante parcelas de exclusión e da instalación de balizamentos temporais arredor das áreas críticas para a nidificación da especie. Ao mesmo tempo, adóitanse instalar paneis informativos dirixidos aos usuarios dos areais para advertir da presenza destes espazos sensibles.
A poboación española da píllara das dunas —Charadrius alexandrinus— atópase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a presenza no norte, na área cantábrico-atlántica, unicamente se atopa en Galicia, onde nidifica principalmente nas praias da comunidade entre marzo e xullo.