O Concello de San Sadurniño e máis a cooperativa Rexenerando puxeron en marcha en 2023 o programa “Terra de Vida” como unha maneira distinta de descubrir a riqueza ambiental dos principais espazos verdes da zona urbana.
Agora esta actividade pensada para escolares, grupos e familias vai ampliar a súa oferta propoñéndonos un itinerario guiado polos elementos máis destacados do pasado medieval de San Sadurniño: a igrexa de Santa María, a Ponte da Ferraría e o castelo de Naraío.
Para ampliar información ou organizar unha visita hai que chamar ao teléfono 604 033 515 ou escribir a info@rexenerando.com .
Segundo apunta Olga Romasanta, unha das integrantes da cooperativa, o programa Terra de Vida – Castelo de Naraío “propón unha viaxe polo tempo e polo espazo para espertar a curiosidade polos elementos do noso entorno que contan o que somos, e conectar co valor do colectivo”.
Neste sentido, o elemento central do itinerario é a visita á fortaleza medieval situada á beira do Castro, punto no que se fará un achegamento á historia do territorio nos momentos en que Galicia era reino de seu ou cando o país viviu as Revoltas Irmandiñas.
O percorrido comprende, ademais, outros elementos próximos “para termos unha visión máis completa do lugar e o seu pasado”, como son a fonte de San Roque, a Igrexa de Santa María de Naraío -unha das máis antigas de San Sadurniño, a Ponte da Ferraría e o porco (ou oso) dos Andrade que aínda hoxe garda unha das súas marxes.
Indo en coche, a interpretación do patrimonio existente nas tres paradas principais, igrexa, ponte e castelo, faise nuns 45 minutos, despois de completar unha distancia de 2,6 quilómetros. Porén, existe a posibilidade de gozar do percorrido a pé seguindo parte do sendeiro do Castro, o que alonga un chisco o trazado, e tamén a duración- obtendo a cambio “unha experiencia máis inmersiva” á que se lle engaden muíños, presas, antigas casas de labranza e, por suposto, a excepcional riqueza natural e paisaxística da ribeira do río.
A diferenza do Terra de Vida sobre os espazos verdes da zona urbana, que está pensado para alumnado de Primaria e familias con rapazada pequena, esta nova proposta do programa divulgativo diríxese principalmente a mocidade de Educación Secundaria e Bacharelato ou a grupos de persoas adultas “aínda que non hai públicos pechados; esta viaxe á nosa historia e aos vestixios do noso pasado pode facela quen queira”, explica o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela.
O edil engade que, desta maneira, “Terra de Vida amplía a súa oferta de lecer desde unha perspectiva educativa e de coñecemento, tendo sempre como eixo transversal o desenvolvemento rural”.
As saídas de Terra de Vida – Castelo de Naraío están dispoñibles para grupos dun máximo de 25 persoas, cun prezo de 5€ por participante se se trata de centros educativos ou de 10€ por persoa se son grupos de adultos.