A achega provincial é de 20.000 euros, un 80% do orzamento que a Academia realiza para a execución deste programa. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o da Ragba, Manuel Quintana, asinaron o convenio de colaboración para que a entidade poida recibir a axuda provincial.
A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario (Ragba) asinan na Coruña un convenio de colaboración para o cofinanciamento do ciclo cultural “Martes das Artes” durante o ano 2025. No acto participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Academia, Manuel Quintana, que salientaron o compromiso das dúas institucións coa difusión das artes e do patrimonio cultural galego.
O acordo establece unha achega provincial máxima de 20.000 euros, o que supón o 80 % dun orzamento total de 25.000 euros destinados a facer posible un programa que, dende hai anos, se consolidou como unha das iniciativas culturais de maior relevancia na cidade da Coruña e na provincia. A programación abrangue conferencias, faladoiros, mesas redondas, concertos, presentacións e outras actividades abertas ao público e de carácter totalmente gratuíto.
O ciclo “Martes das Artes” desenvolveuse ao longo de todo o ano, agás os meses de xullo e agosto, e celebrou actividades cada martes —e ocasionalmente outros días da semana— tanto na sede da Real Academia Galega de Belas Artes como noutras localizacións cedidas para a ocasión. O obxectivo é achegar o pensamento artístico, a divulgación cultural e o coñecemento especializado á cidadanía, facilitando o acceso á cultura galega sen ningún custo para os asistentes.
A programación, caracterizada pola súa alta calidade, contou con poñentes, músicos, especialistas e profesionais de primeiro nivel, que analizaron con rigor distintos aspectos das artes e da cultura. Para garantir esta excelencia, a Academia implicou durante o 2025 aos seus membros numerarios das áreas de pintura e gravado, escultura, arquitectura, arqueoloxía e museoloxía, música, artes da imaxe e outras disciplinas, designando comisarios responsables de cada ámbito.
Ademais das actividades na Coruña, o programa prevía intervencións e eventos noutras vilas e cidades da provincia para estender a acción cultural da Academia e achegar o coñecemento artístico ao maior número posible de persoas. Entre os principais beneficiarios están os estudosos, artistas e especialistas do ámbito cultural galego, mais tamén o público xeral con interese pola identidade, a historia e a creación artística de Galicia.
Durante a primeira metade do ano xa se desenvolveron múltiples actividades, entre elas concertos, conferencias, presentacións, actos institucionais e inauguracións de exposicións vinculadas ao 175 aniversario da Real Academia. Para a segunda parte da programación —de setembro a decembro— xa están reservados todos os martes dispoñibles, así como algúns mércores debido á alta demanda de actividades previstas.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que este convenio “reflicte a aposta da institución provincial por unha programación cultural sólida, de calidade e con vontade de chegar a toda a cidadanía”. Pola súa banda, Manuel Quintana subliñou a importancia dun ciclo que permite á Academia cumprir a súa misión histórica: estudar, protexer e difundir o patrimonio artístico galego a través de actividades accesibles e de máximo nivel.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
