O Concello de Ferrol e a APFSC firman o protocolo para a cesión de espazos públicos e viais

“Ferrol sae beneficiado con este protocolo xa que, ademais de saldar a débeda coa APFSC, recibirá 1,4 millóns de euros da Autoridade Portuaria”, avanzou o alcalde.O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente da APFSC, Francisco Barea, firmaron na mañá deste xoves o protocolo de actuacións para levar a efecto os acordos entre o Concello de Ferrol e a Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao. “O Porto é importante para Ferrol se ao Porto lle vai ben a Ferrol tamén, e se a Ferrol lle vai ben ao Porto tamén lle irá ben”. Rey Varela afirmou que “as institucións da cidade temos que estar unidas para afrontar retos de futuro e colaborar e para que Ferrol siga en movemento”. O Porto, apuntou, vive un momento moi importante para a diversificación económica e xeración de emprego da cidade.

Este protocolo é outro dos temas desbloqueados polo Goberno local, “cando chegamos atopámonos un déficit de crédito orzamentario nas compensacións coa Autoridade Portuaria por importe de 9.817.158,69 de euros con respecto aos canons concesionais por ocupación de espazos e de actividade non incluídos nos créditos de orzamentos anteriores”, recordou o rexedor, polo que non se procedeu antes á compensación das débedas contraídas pola Autoridade Portuaria do IBI dende o 2004 (10.623.234,89 euros), o convenio de bombeiros dende o 2004 (623.771,60 euros) e a iluminación exterior nocturna do Castelo de San Felipe dende 2013 (12.000 euros) que suman un total de 11.259.006,49 euros.

“Ferrol sae beneficiado con este protocolo xa que, ademais de saldar a débeda coa APFSC, recibirá 1,4 millóns de euros da Autoridade Portuaria”, avanzou o alcalde.

Pola súa parte, o presidente da APFSC, Francisco Barea, sinalou que “hoxe é un día importante porque sempre defendimos a cooperación entre administracións e hoxe demóstrase coa firma de dous protocolos” e apuntou “non pode existir un concello e un porto que non se entendan e que non desenvolvan un traballo en conxunto”.

CONVENIO PENDENTE DENDE 2020
O 30 de xullo de 2020 o Pleno do Concello de Ferrol acordou aprobar o texto do Convenio polo que a APFSC cederá á Administración local gratuitamente unha serie de bens relacionados e regularizará as débedas tributarias recíprocas entre ambas partes. Neste contexto, o Concello desistirá dos procedementos administrativos e das futuras accións xudiciais en relación a determinadas liquidacións xiradas ao Concello polo Porto derivadas do período de vixencia das concesións C-459 e C- 460 no momento previsto no convenio.

Ademais, mellorase o convenio do 2020 coa incorporación de novas propiedades, xa que dende o 2020 ata a actualidade variaron as circunstancias que alteran directamente o seu contido e efectos. Así, pola Orden Ministerial de 25 de marzo de 2021, desaféctanse do dominio portuario estatal determinadas superficies pertencentes á zona de servicio do Porto, que corresponden a terreos da estrada alta do Porto e o seu entorno, zonas verdes e de aparcamento.

A Orden TMA/978/2022, de 6 de setembro (BOE 18 de outubro de 2022) desafectou do dominio público portuario diversas superficies da zona de servicio da Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, situadas en Ferrol na área de A Malata e A Cabana. Actualmente están destinadas a instalacións, viais e uso aberto aos veciños para diversas actividades. En concreto, os bens que se cederán gratuitamente, unha vez desafectados, serán unha superficie aproximada de 40.607 metros cadrados na zona alta do Porto, ocupada principalmente por viais e zonas verdes.

En A Malata unha área de 159.957 metros cadrados, ocupada polas instalacións deportivas que se corresponden coas superficies das antigas concesións C-459 co obxecto Zona Deportiva para uso público en A Malata e C-460 Zona de uso deportivo, complementando outras actuacións existentes en A Malata. Ademais das zonas verdes e as estradas que transcorren por esta zona de servicio como son a estrada de A Malata e conexións co Acceso Norte e estrada alta do Porto.

En A Cabana a superficie a ceder é de 31.062 metros cadrados e comprende o parque infantil, a igrexa, o local da AVV de A Cabana e paseo marítimo de A Cabana (onde se realizan actividades de uso xeneralizado pola cidadanía), a estación de impulsión e tamén o vial de comunicación entre a estrada alta e baixa do Porto.

O convenio non modifica a situación preexistente nin impón novas obrigas económicas ao Concello, senón simplemente recorda a obriga de facer unha regularización que xa se tiña contraída con anterioridade á aprobación deste documento.

FORO PERMANENTE DE COOPERACIÓN
O alcalde e o presidente da APFSC asinaron tamén outro protocolo para pór en marcha un foro permanente de cooperación que establece un marco de colaboración permanente entre ambas partes para promover a integración porto-cidade e conseguir que os veciños teñan un maior coñecemento da actividade portuaria e da repercusión económica e social que a mesma ten no seu entorno. “O Porto é un actor clave no desenvolvemento de Ferrol e debemos aproveitar sinerxias, recursos e posibilidades que se nos presentan”, apuntou o alcalde.

As primeiras accións son a determinación da forma en que se vai materializar o foro permanente (constitución, integrantes, periodicidade…); e as seguintes serán determinar as materias comúns que vinculan ao Concello e á APFSC como por exemplo accións de promoción do turismo, proxectos urbanísticos, servizos de seguridade, actividades en terreos da APFSC e determinar, tamén, os diferentes comités que se encargarán de desenvolver cada unha destas materias descritas.

O protocolo, que poderá ser modificado ou ampliado, ten unha duración de dous anos, esperando que teña continuidade.

Lea también

Iago Fuertes Leonardo, Mellor Deportista de Narón ´24 na XXXV Gala do Deporte

O Pazo da Cultura foi novamente na noite do venres 22 o escenario no que …