A CIG ten convocada folga para este xoves 27 de xuño, nas tendas de Inditex da provincia da Coruña «para demandarlle á empresa que cumpra o acordo asinado e retome a mesa de negociación provincial». A folga (que coincide co inicio do período de rebaixas) afectará ás tendas de todas as cadeas comerciais de Inditex na provincia e para visibilizar a súa loita, as traballadoras van realizar as seguintes mobilizacións:
-Na Coruña: ás 10:30 horas piquete informativo na rúa Compostela. Pola tarde, ás 17:30 horas, o piquete informativo achegarase ao Centro Comercial Marineda City.
-En Compostela: a partir das 09:30 horas piquete informativo no Centro Comercial As Cancelas e posterior manifestación até a Praza Roxa.
– En Narón: a partir das 09:30 horas, piquete informativo no Centro Comercial Odeón.
A decisión de convocar chega ante a rotunda negativa de Inditex a reabrir o marco de negociación provincial «a pesar do acordo asinado en decembro». As delegadas da CIG na Coruña (onde a central nacionalista ostenta máis do 70% da representación sindical) salientan que as propostas que se están a tratar na mesa de Madrid non supoñen ningunha mellora nas condicións salariais, laborais e sociais das traballadoras da provincia e reivindican a capacidade das dependentas «de decidir aquí as nosas condicións e respectando a representación legal que saíu elixida nas eleccións sindicais».
Sobre as reivindicacións a Inditex, as delegadas da CIG explican que se trata de cuestións que quedaron pendentes da anterior negociación e que xa ten recoñecidas o persoal doutras empresas do grupo coa mesma cualificación e convenio: axudas sociais, antigüidade, plus do traballo en tardes e sábados, bono comedor ou equivalente, e redución da xornada por idade.
Xunto a isto, unha reclamación fundamental refírese á homoxeneización e á equiparación de todas as condicións entre as distintas cadeas: calendarios, libranza dos sábados, licencias e descansos, xornadas, categorías etc. Pois consideran «inxusto e discriminatorio que dentro da mesma provincia teñamos condicións diferentes polo simple feito de traballar nunha cadea ou noutra».