“Cedeciencia”, veladas científicas e culturais en xullo e agosto

Cedeira acollerá nos vindeiros meses de xullo e agosto catro veladas científicas e culturais nas que persoas vencelladas de diferentes maneiras á localidade ofrecerán charlas divulgativas sobre as súas áreas de coñecemento e as súas experiencias.

O ciclo de actividades leva por título “Cedeciencia” e é unha mostra máis do espíritu bulideiro e emprendedor da sociedade cedeiresa.

David Vilela, un doutor en Enxeñería Industrial adicado á enxeñería de software, máis específicamente á creación de sistemas multiaxente para intelixencia artificial distribuída; Sara Abuín, psicóloga integrativa e musicoterapeuta; Juan Antonio Rodríguez Pérez, doutor en Bioloxía Evolutiva e adicado á investigación en xenómica estrutural; e Sergio Muíño, investigador en turismo e impulsor da iniciativa Eu Fun de Vivo www.eufundevivo.com, son os artífices deste programa de charlas, que se vai desenvolver en escenarios pouco formais e acordes coa finalidade divulgativa que ten todas as actividades.

Tal como explica Sergio Muíño, a participación de todos os relatores é desinteresada e algúns deles traballan e residen en lugares afastados como Noruega, Dinamarca ou Reino Unido, porén comparten o seu vencello a Cedeira.

A finalidade é achegar á veciñanza de Cedeira, e en xeral a calquera persoa interesada, temas científicos e culturais de actualidade co máximo rigor, pero tamén dunha maneira amena e sinxela.

O venres 5 de xullo será a primeira cita. O café bar Pinzón acollerá a reunión, a partir das 19.30h. En primeiro lugar falarán os mozos que están a participar no Hiperbaric Challenge, que se vai desenvolver esta próxima fin de semana en Burgos.

Despois da exposición sobre este reto técnico chegará a quenda de David Vilela, que ofrecerá a charla titulada “Poñerlle o cascabel á IA”.

Rubén Vilela, por último, falará sobre o impacto do Big Data no mundo e nos negocios.

A seguinte cita será o venres 19 de xullo, no café bar O Mástil. Desta volta, tamén a partir das 19.30, Sara Abuín ofrecerá a charla “Soo a vento: a figura sinestéxica na expresión emocional”, que dará paso á intervención da Lucía Álvarez, titulada “Sexoloxía sen filtros, separando mitos e realidade”.

Xa en agosto, Cedeciencia fixou outras dúas citas para os días 3 e 9. A primeira será no Museo Mares, ás 12.00 horas, e nela falarán Sergio Muíño, que abordará a creación dun produto turístico cultural en Cedeira; o artista Adrián Taracido, que titulou a súa charla “Dando cor a Cedeira”, e Adrián Piñón, que falará sobre “A caza de bruxas”.

O día 9, ás 19.30h no café Sonreiras, Jorge Salgado falará sobre “Edificios intelixentes: a enerxía do futuro xa está aquí” e Roberto Mourente pechará o programa cunha charla sobre “O que descoñecemos sobre o patrimonio biolóxico da Serra da Capelada”.

A intención dos organizadores é manter o impulso de Cedeciencia ao longo do ano, concertando outras charlas co mesmo corte divulgativo.

 

Lea también

Las obras de rehabilitación del castillo de San Felipe empezarán este verano

El castillo de San Felipe entrará seguramente en obras el presente verano, tras adjudicar la …