A concelleira de Formación, Natalia Hermida, desprazouse ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para entregar os certificados municipais do curso de Xestión de residuos urbanos e industriais (408 horas) organizado polo Concello de Narón, no que se matricularon catorce persoas e que resultaron aptas un total de oito.
A edil naronesa felicitou ao alumnado desta Acción Formativa para Desempregados (AFD), maioritariamente veciñanza de Narón, e destacou o feito de que algúns deles teñen xa ofertas laborais para comezar a traballar.
Este curso AFD está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O documento entregado hoxe, tal e como lles indicou Hermida, servirá para que soliciten á Xunta o título oficial deste certificado de profesionalidade, acreditando un nivel 2 nestas competencias.
“Este é un dos cursos que, xunto con outros, homologamos no último ano e sodes a primeira promoción dunha acción formativa que é a única desta área con esta certificación que se imparte na provincia da Coruña”.
A edil naronesa felicitou ao alumnado asegurou que “o máis importante é que teñades ganas de aprender, actitude e responsabilidade, tanto para seguir formándovos como para comezar a traballar”.
Así mesmo, entregoulles dípticos do programa “Conectad@s polo emprego”, no que se recollen os recursos que se ofrecen dende o Concello dentro das súas competencias en materia de formación e emprego: intermediación laboral; orientación laboral; servizo de emprendemento e formación.
Tralo acto de entrega de diplomas informóuselles tamén de que próximamente se convocará a través do Programa municipal de formación un itinerario completo en prevención de riscos laborais.