
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón alzou a voz para denunciar públicamente a continuada «marxinación e o trato desigual que sofre o concello por parte da Xunta de Galiza» que pode verse claramente en comparación co municipio veciño de Ferrol. Desde a formación consideran inaceptábel que, ano tras ano, o goberno galego perpetúe un modelo de financiamento e investimento público que desatende as demandas históricas e a realidade socioeconómica de Narón.
Desde unha perspectiva política e financeira, o BNG de Narón salienta que a Xunta actúa de costas á realidade territorial do comarca. Mentres Ferrol e Narón forman unha mesma continuidade urbana e comparten dinámicas cotiás, a acción do Executivo galego prima a Ferrol no reparto de proxectos estratéxicos, fondos para infraestruturas e convenios de desenvolvemento urbano.
«Non estamos ante unha casualidade, senón ante unha decisión política consciente da Xunta de Galiza», afirma Geno Carballeira dende o BNG de Narón. «Trátase dunha política centralista que relega a Narón a un segundo plano, privando ao noso concello dos recursos públicos necesarios para manter e mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas».
O BNG lembra que Narón é o oitavo concello de Galiza en poboación e un dos principais motores industriais, comerciais e de xeración de emprego do país. Malia a este peso indiscutíbel, a Xunta nega un compromiso financeiro firme que se traduza en actuacións directas e significativas no termo municipal.
“Precisamos un novo colexio en Xuvia e un pavillón, solucionar a Estrada de Cedeira, unha residencia de maiores pública, investimentos para un edificio como o Muíño das Aceas e moito máis. Sen embargo, atopámonos que o único investimento que hai é sobre vivendas xa anunciadas hai máis dun ano, unha parte delas por certo son arranxando baixos comerciais en Amenadás, medo nos dá como poden quedar” lamenta o candidato á alcaldía Carballeira, “o investimento para Narón é 7 veces menor que para a cidade veciña e no BNG faremos emendas no Parlamento para que se teña en conta as necesidades da octava poboación do país”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.