O goberno local pide non facilitar ningún dato e lembra que non contacta por teléfono para estes trámites.
O Concello de Narón alerta aos negocios do municipio de que se están a producir chamadas telefónicas nas que alguén se fai pasar por persoal municipal para pedir información co pretexto de renovar a documentación do establecemento. O aviso chegou ao Concello a través da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), que advertiu da existencia destas chamadas e quixo dar a voz de alarma entre o comercio local.
Dende o Goberno municipal lémbrase que o Concello non contacta por teléfono con comercios nin outros negocios para xestionar a renovación dos seus papeis. Calquera trámite deste tipo realízase polas canles oficiais do Concello, nunca mediante unha chamada inesperada. Por iso, pídese ás persoas titulares dos negocios que, se reciben unha chamada así, non faciliten ningún dato, nin persoal nin bancario, e que colguen.
Tamén se recomenda avisar a Policía Local ou as forzas de seguridade e, se xa se chegou a dar algunha información, poñerse en contacto co banco canto antes. Ante calquera dúbida sobre se unha chamada é real, o mellor é consultalo directamente co Concello a través do teléfono habitual de atención (981 337 700).
O Concello agradece á ACN a súa rapidez ao dar o aviso e anima o comercio local a compartir esta alerta entre veciñas e veciños con negocios, para que ninguén caia no engano.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
