O Campus Industrial de Ferrol acolle unha nova edición do Curso Carlos Gurméndez

A directora do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto; a coordinadora do Curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro de San Miguel; a directora académica do mesmo, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, Asunción López Arranz; e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto; a coordinadora do curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro de San Miguel; e a directora académica do mesmo, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, Asunción López Arranz, presentaron este venres, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a 25ª edición deste curso de pensamento e comunicación que terá lugar, os días 3, 4 e 5 de xullo no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e no que se afondará sobre a configuración dunha nova orde mundial e todo o que isto implica.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, felicitou ao Club de Prensa de Ferrol pola organización do curso ao tempo que destacou a participación do profesorado da Facultade de Humanidades e Documentación, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Facultade de Ciencias do Traballo “nun evento de referencia para o conxunto da sociedade ferrolá e que sitúa no mapa ao Campus Industrial de Ferrol”.

Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, lembrou que este ano é 25 aniversario do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez e subliñou que temática elixida para esta edición, unha nova orde mundial, está de plena actualidade dada a situación política internacional.

Tal e como explicou a directora académica do Curso Carlos Gurméndez, a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz, as xornadas darán comezo o mércores 3 de xullo cunha apertura institucional seguida das intervencións do profesor da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, Jorge Quindimil López, do coordinador do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Félix Puime Guillén, e da propia López Arranz, quen falarán sobre xeopolítica, a transmisión do coñecemento universitario a nivel internacional e do novo modelo social europeo, respectivamente.

Nas xornadas do xoves 4 xullo intervirán o profesor da Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación, Juan Luis Montero Fenollós; o presidente de Reporteiros sen Fronteiras España e profesor da Universidade Complutense de Madrid, Alfonso Baulús de la Iglesia; a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo; e da catedrática de Fundamentos Económicos da Universidade da Coruña; Isabel Novo Corti.

Por ultimo, o venres 5 de xullo achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IDECAH), Jesús Núñez; a responsable da Unidade de Estudos Bibliográficos da Universidade de Barcelona, Anna Caballé; e o catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña, Salvador Naya.

A presentación do libro “Gurméndez nun café de Delft” de Eduardo Fra Molinero e a lectura dramática da obra teatro co mesmo nome dirixida por Helga Méndez de Maquinarias Teatro porá punto e final á 25 edición do Curso de Pensamento e Comunicación promovido desde o Club de Prensa de Ferrol.

As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@clubdeprensaferrol.com ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 10:30 horas do mércores 3 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …