O máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) desde o curso 2018/19, conta cun espazo de seu no stand que a Universidade da Coruña ten na primeira edición da Mad Games Show, un evento organizado pola Asociación Española de Videojuegos (AEVI) e o equipo que lidera a IndieDevDay de Barcelona en colaboración co Ministerio de Cultura.
O Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid acolle, este venres 14 e sábado 15 de xuño, unha feira dedicada ao desenvolvemento de videoxogos con conferencias, mesas redondas, áreas de exhibición de xogos indies (IndieDevPlay), espazos networking e B2B (Spain Video Games Investment Summit). O evento está aberto a profesionais e a estudantado do sector así como ao público xeral interesado.
No marco da Mad Games Show e baixo o paraugas do Campus Industrial de Ferrol, o alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos está a dar a coñecer os seus proxectos no stand da Universidade da Coruña.
Deste xeito, o estudo Nameless presenta What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e puzzles ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste título está o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Lara Fernández Romero, Manuel Fernández Veiga, Natalia Froiz Míguez, Miguel González Obenza, Paula Martínez Taboada, Teresa Pecker Gayarre, Albert Ramírez Rivero e Alberto Tajuelo Real.
Pola súa banda, o estudo Piña Colada presenta Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha rá de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais que terán colaborar para sobrevivir.
Integran o equipo de traballo os tamén estudantes do Campus Industrial de Ferrol, Laura Bey Senra, Andrea Fernández Mariño, Álvaro Hayek Alfonso, Sofía Pelegrín Mellado, Paula Portal Ruíz, Anllelo A. Reina Montañez, Viviana Rodríguez Domínguez e Eduard A. Sánchez Maya.
Esta non é a primeira vez que o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) presenta en público os seus proxectos. O pasado mes de xaneiro amosaron as demos dos seus videoxogos no stand que a Universidade da Coruña tivo na III Xornada de Innovación e Movemento Maker (InnovAmes) organizada polo Concello de Ames xunto coa Maiker Faire Galicia.
A maiores, no mes de maio, presentaron os seus proxectos no marco da III Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos que organiza o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e participaron na Feira Expotaku da Coruña.